Agradable, distendida e marcada polo consenso. A voceira do Foro Valdeorras Século XXI, María Carmen Rodríguez, calificaba deste xeito a xuntanza celebrada por esta entidade o 15 de xuño na Veiga. É o quinto encontro deste tipo que celebra este foro do que forman parte empresarios, representantes políticos e sindicais valdeorreses e que botaba a andar en setembro do 2007 coa pretensión de traballar conxuntamente a prol do desenvolvemento da comarca.
Dende entón o foro vense reunindo alomenos dúas veces ao ano nun lugar distinto da comarca (ata o de agora no Barco, Carballeda, A Rúa e Rubiá) para facer balance das xestións e actuacións levadas a cabo dende a súa comisión de seguemento e para poñer sobre a mesa novos proxectos.
Desta volta a crise económica do sector da pizarra, o turismo e as infrastruturas centraron boa parte do debate. “Nun momento de dificultade política, económica e financieira temos que estar todos no mesmo barco, todos tiramos na mesma dirección porque queremos o mellor para a nosa comarca. De aí que haxa boa vontade e consenso á hora de determinar as cousas”, tal e como destacaba a empresaria María Carmen Rodríguez na rolda de prensa posterior ao encontro, que tivo como marco o Hotel Mesón As Chairas da Veiga.
Ao seu carón, o alcalde da Veiga, Fernando Fernández Yáñez, valoraba de maneira moi positiva o encontro. “É un pracer poder contar con tanta diversidade e ao mesmo tempo estar tan unidos nun proxecto ao que lle queda moito aínda, pero que xa vai camiñando dende hai preto de dous anos”.
Asemade o rexedor destacaba que na xuntanza foi aprobada a incorporación dun representante da Asociación de Hostelería e Turismo de Trevinca (Trevihost) da Veiga ao foro.
“É unha asociación que ten moito que aportar a ese sector e ao foro”, aseguraba Fernández Yáñez. Nesta reunión do Foro Valdeorras Século XXI estiveron representados os concellos do Barco, A Rúa, Vilamartín e A Veiga, os sindicatos UGT, CCOO e CIG, a deputada valdeorresa polo PSdeG-PSOE María Carmen Acuña, e os representantes en Valdeorras do PP e do BNG, ademais de responsables das asociacións empresariais de Aeva e da Asociación Galega de Pizarristas (AGP).
Texto e foto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).