O rexeite ao Decreto do plurilingüismo que propón a Xunta de Galicia botou ás rúas de Santiago a milleiros de galegos que se sumaron á manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego o 21 de xaneiro. 80.000 segundo os organizadores, 30.000 segundo a policía local de Santiago. Cifras aparte a Praza do Obradoido quedouse pequena para recibir aos manifestantes.
Aquí remataba a marcha, enmarcada dentro da convocatoria de folga para os profesores do ensino público galego en protesta polo decreto. Segundo Queremos Galego o 90% secundaron a folga. Menos do 50% o fixeron para a Consellería de Educación. Numerosos carteis acompañaron no percorrido pedindo todos eles a defensa da lingua. Ao remate da marcha mestres, pais e alumnos tomaron a palabra para repetir o que xa reclamaban as pancartas e ler o manifesto realizado por Queremos Galego cos motivos polos que se rexeita o decreto.
O secretario nacional de CIG-Ensino, membro de Queremos Galego, Anxo Louzao, denunciou esta proposta “disparatada e incumpridora da lexislación vixente”. A proposta é, sinalou, “a agresión máis severa contra o noso idioma nos últimos trinta anos” e incidíu en que “a Consellería abandona a normalización lingüística e elude as súas responsabilidades” buscando, dixo “crear unha fractura social e buscar a desaparición do noso idioma no ensino”.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, pedíu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “volva ao consenso” e solicitou a “reflexión” de Educación respecto ao decreto. Os convocantes pediron ademais á Consellería que o diñeiro que retraerán da folga aos profesores que a secundaron “se remita ás organizacións humanitarias que están a intervir en Haití”.
Texto: PGL/Santiago de Compostela Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).