CulturaMúsicaÚltima hora

A ourensá Cristina Pato, estrea filme na Berlinale

A artista é coprotagonista do documental “The music of strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble”
Imaxe da gravación do filme en Estambul.
Imaxe da gravación do filme en Estambul.

O vindeiro luns 15 de febreiro, a artista ourensá Cristina Pato presenta na Berlinale a estrea europea do filme “The music of strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble”, dirixido por Morgan Neville, gañador dun Oscar ao mellor documental en 2014 por “20 feet from stardom”.

O filme conta a historia deste colectivo musical creado polo lexendario cellista Yo-Yo Ma do que forma parte Pato. A parte dedicada á gaiteira ourensá explora os valores fundamentais da cultura e da identidade galega e lévanos a coñecer a súa vida familiar, social e cultural en Galicia. Tamén se reflicte o que significa para Cristina formar parte e querer estar en dous lugares á vez, así como a influencia da emigración na súa vida e na dos seus pais.

Cunha duración de 96 minutos, a obra retrata a Cristina Pato no seu ambiente en Galicia e nel aparecen imaxes da zona vella de Ourense e Santiago de Compostela, Armariz (Nogueira de Ramuín) ou do campamento romano Aquis Querquennis de Bande.

O documental, seleccionado coma unha das tres proxeccións especiais da 66ª edición da Berlinale, amosarase ás 21 horas no teatro Friedrichstadt-Palast e Cristina acudirá xunto cos seus compañeiros de Silk Road Kinan Azmeh e Kayhan Kalhor. A estrea en cines de todo o mundo será no mes de xuño da man de The Orchard, seguido dunha estrea televisiva na cadea norteamericana HBO.

Artigos relacionados

Back to top button