CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A 27ª Semana de Cine do Barco proxectará 17 filmes entre o 25 de agosto e o 3 de setembro

Na inauguración proxectarase o filme “Unha historia de tolos” e contará coa presenza de José Antonio Gurriarán

O Cine Club Grouch Marx vén de dar a coñecer a programación da 27ª Semana de Cine do Barco de Valdeorras, que se celebrará do 25 de agosto ao 3 de setembro no Teatro Lauro Olmo e que contará con películas, documentais, música e tamén fotografía. O cartel, así como as actividades desta edición eran presentadas polo presidente do club, José María Rodríguez, na mañá do 24 de xullo, nunha rolda de prensa na que estaba acompañado pola concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, e por outro membro do club, Gabriel Prada.

O cine de autor será coma sempre o protagonista destas xornadas nas que se proxectarán un total de 17 películas, sete delas dirixidas ao público máis novo, entre as que figuran títulos como “O fogar de Miss Peregrin para nenos peculiares”, “Os superheroes” ou “Richard e a cegoña”.

A inauguración terá lugar o 25 de agosto ás 19h. coa apertura da exposición “A cámara tras da cámara” un compendio de fotos curiosas tomadas a actores e actrices nos descansos das rodaxes; e un concerto de bandas sonoras a cargo de Sabela. Ese día proxectarase “Unha historia de tolos”, filme baseado no libro “A bomba” no que José Antonio Gurriarán (que estará presente na sala), narra a súa vivencia cando “a bomba lle estoupou literalmente nos pés”, en palabras de José María.

No apartado de recoñecementos, este ano en lugar dunha butaca retiraranse as tres da última fila en homenaxe a “Sempre Xonxa”: unha adicada ao director, Chano Piñeiro; outra a un dos seus protagonistas, Casteleiro; e outra a Anxo Santomil, primeiro presidende do Cine Club Groucho Marx.

Con respecto aos horarios das proxeccións, mantéñense ás 17 horas para o cine infantil; e ás 20:15 e 22:45h. para o adulto. O prezo: 4 euros para o plúblico xeral e 3 para os socios, con bonos de 25 euros para o cine adulto e 10 para o infantil, “aínda que tentaremos contar coa colaboración das casas comerciais para que resulte gratuíto para os nenos”, en palabras de José María.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button