En portada

A familia trivesa de Kirill

O programa de acollida temporal da asociación ourensá Ledicia Cativa traía a Galicia neste verán a case 70 menores da zona rusa de Chernobil
O pequeno Kirill, xunto a súa familia de acollida en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.
O pequeno Kirill, xunto a súa familia de acollida en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Vestido coa equipación azulgrana, Kirill sae á porta para recibir ao equipo do Periódico O Sil. A pouca distancia agarda por el o balón. O fútbol encántalle e Messi é o seu referente. “De feito para o ano que vén xa estamos pensando en anotalo nun campamento de fútbol”, comenta Teresa Santalla, que xunto ao seu marido Alfonso Domínguez, acollen por segundo verán consecutivo a este rapaz ruso de 8 anos na súa casa de Trives.

É un dos 64 nenos que participan este ano no programa de acollida temporal que promove a asociación Ledicia Cativa en Galicia. Proceden da comarca de Novozhybkov, preto cidade de Brianks, unha zona limítrofe con Ucrania e Bielorrusia que está considerada como a máis contaminada pola radiación nuclear da Federación Rusa. O pasado 27 de xuño chegaban ao aeroporto de Lavacolla (Santiago) e, de seguido, distribuíanse en diferentes familias galegas. Kirill é o único cativo do programa no oriente ourensán. “Na provincia da Coruña temos 30 familias acolledoras e 32 nenos, en Pontevedra son 15 familias e 15 nenos, en Lugo 9 familias e en Ourense 8”, explica o vicepresidente da asoaciación ourensá Ledicia Cativa, José Manuel Borrajo.

Esta estadía de dous meses permítelle aos rapaces mellorar a súa saúde, grazas ao clima e a alimentación, e tamén reducir as consecuencias da radioactividade no seu desenvolvemento, ademais reforzar as súas defensas para afrontar o inverno. “O primeiro que perseguimos coa acollida é que o neno se desenvolva fisicamente e san. Cantos máis ciclos de descontaminación teña, é dicir, cantas máis veces veña, moitísimo mellor para el. Hai estudos que falan de que un período de 40 días nunha zona descontaminada cunha alimentación equilibrada, como é a nosa, súponlles liberarse de elementos contaminantes nun 30 ou nun 40%. Iso é moi importante porque os nenos o primeiro que fan é cargarse de reservas. Estamos falando de que medran unha media de 2 cm ou 2,5 cm e ao mellor engordan dende 4 quilos ata 13 quilos, e iso xogando na praia todo o día. E mesmo hai nenos que teñen medrado ata 7 cm. Unha cousa é dicilo e outra ben diferente velo”, subliña Borrajo.

Esa experiencia estana vivindo moi de preto Teresa Santalla e Alfonso Domínguez. Este matrimonio do oriente ourensán, que reside en Madrid pero que pasa os veráns en Trives, coñeceu o programa a través duns amigos que forman parte da Asociación Ledicia Cativa e decidiu entrar nel. Eroshenko Kirill Alexandrovich é o primeiro neno ao que acollen. Chegaba a Galicia en xuño de 2013 con 7 anos. Fatigábase con só subir unha escaleira de apenas unha ducia de peldaños. “Agora nada, corre, xoga ao fútbol, monta en bici e vai a toda rapidez… Cos dous meses do ano pasado e co tempo que leva neste verán mellorou moito e medrou, xa que cando veu en xuño medía 1,35 m e agora ten 1,41 m . Chega aquí e a comida é sana, o aire puro… Son uns nenos que din que con dous meses que pasen en España auméntalles dous anos de vida”, asegura Teresa Santalla.

Pero tan importante como a descontaminación é “amosarlles como poden manexar a súa vida e ser donos do seu destino porque estiveron sempre dirixidos. Esta segunda vertente da acollida é moi importante, hai que darlles principios a estes nenos e amosarlles o rica que é a nosa sociedade”, engade o vicepresidente da Asociación Ledicia Cativa. A través do agarimo e dos valores que lle transmiten as familias neste tempo de convivencia os nenos descubren outras formas de relacións sociais, o que facilita o seu desenvolvemento como persoas.

Así van descubrindo unha cultura e unha forma de vida moi diferentes á súa, e que se reflicte en cuestións tan sinxelas como a comida diaria, o deporte, a música ou mesmo o debuxo. “Ábreslle outros mundos: a porta do idioma, os costumes, a cultura… Aquí Kirill descubríu os lápis de cores, xa que alí non os teñen, e comezou a pintar e facer unhas acuarelas que transmiten moita forza. E despois ves que lle encandila a música galega, sobre todo a pandereita, e está todo o día cantando cancións galegas. Penso que vai ser un gran embaixador da cultura galega. E logo tamén lle sorprende a paisaxe e di que no seu pobo en Rusia non hai árbores”, explica Teresa Santalla.

Kirill xogando ao fútbol en Trives, un deporte que lle encanta./ Foto: Carlos G. Hervella.
Kirill xogando ao fútbol en Trives, un deporte que lle encanta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cando a Kirill se lle pregunta qué é o que máis lle gusta de Galicia, resposta rapidamente que o fútbol e logo que o pulpo. “O primeiro ano que viñen non o quixen probar, dábame noxo, pero este ano comino e … ¡quero mañá pulpo!”, di sorrindo. Malia que apenas suma un total de catro meses de estadía en España o certo é que entende perfectamente o castelán e fálao con moita soltura, algo que sorprende á súa familia de acollida. “É moi intelixente, hai outros nenos que levan vindo seis ou sete anos e creo que el lles gana co español. E ademais hai algo que nos chama moito a atención. Ponse a xogar, a ler ou a ver a tele e as súas expresións nunca son en ruso, sempre son en castelán. É un neno moi listo, moi simpático, cariñoso e tamén moi sociable, ten moitos amigos”, sinala Teresa Santalla.

Este é o segundo verán que Kirill, orixinario de Novozhybkov (Rusia), pasa con Teresa Santalla e Alfonso Domínguez en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.
Este é o segundo verán que Kirill, orixinario de Novozhybkov (Rusia), pasa con Teresa Santalla e Alfonso Domínguez en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A súa familia galega comproba tamén nesta convivencia “que alí teñen costumes moi distintos e tamén un carácter forte. Incúlcanlle moito que debe ser o mellor en todo porque se non é así, vaste abaixo, non sobrevives. Entón, por exemplo, é perder o fútbol e lévase uns berrinches impresionantes. Eu trato de explicarlle que iso é normal, que unhas veces xógase para perder e outras para ganar, pero iso non o encaixa na súa mente”, confesa Teresa Santalla.

A vida de Kirill aquí é moi diferente á que leva en terras rusas, onde case non pasa tempo na rúa. Conta que polas mañás vai ao campamento urbano de Trives, onde xoga ao fútbol con outros nenos da súa idade, ademais de participar en excursións, obradoiros ou acampadas. E ademais está desexando que chegue o 17 de agosto para participar no Día da Bici e celebrar, de forma adiantada, o seu aniversario cos seus amigos galegos, xa que non será ata o vindeiro 18 de novembro cando cumpra 9 anos. Daquela estará xa no seu país. “Como eu non teño netos, para min é coma se fose o meu neto. É algo entrañable telo aquí e logo ver que mellora na saúde e en todo o demais”, recoñece Santalla.

Kirill, sinalando nun mapa da Federación Rusa o seu pobo./ Foto: Carlos G. Hervella.
Kirill, sinalando nun mapa da Federación Rusa o seu pobo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais do tempo que pasan coas familias de acollida, os nenos tamén participan en actividades sociais promovidas a través de Ledicia Cativa. “Este ano tivemos tres principais no que vai de verán, a última desenvolveuse en Ons. Logo hai moitas quedadas secundarias de grupos de familias que se coñecen entre elas ou que son da mesma provincia ou comarca”, continúa o vicepresidente da asociación.

Os cativos que entran no programa poden ter idades comprendidas entre os 6-7 anos e os 17 anos e ademais “poden repetir todas as veces que queiran coa mesma familia, que é ademais o aconsable e o desexable”, din dende Ledicia Cativa.

Este movemento de acollida nacía hai case vinte anos en Nocelo, unha aldea de Baños de Molgas. Dende aí foise estendendo ata chegar a terras de Celanova “e aquí foi onde se produciu a eclosión, pasamos de moi poucas familias a medrar”, lembra Borrajo. Inicialmente a entidade era unha delegación dunha asociación nacional, sen embarbo, posteriormente constituíase como asociación en 1995. “A partir de aí xa nos podiamos expandirnos e comezamos a facelo con moitísimo medo porque claro, iso de enviar un neno ruso so á provincia de Pontevedra e que non se vira con outros… Sen embargo, resultou un éxito, incluso de asimilación do idioma e de adaptación, moitísimo mellor que estando nenos que se coñecen ou que se ven tres ou catro veces á semana. E desa provincia fúmonos despois a Lugo e, de seguido, á Coruña. E hoxe dase a circunstancia de que Ourense, que hai cinco anos representaba o 85% da acollida, pois agora supón o 12%. E Coruña, na que empezamos cunha familia, agora representa o 50% dos nenos e das familias”, matiza o vicepresidente de Ledicia Cativa.

No caso de que unha familia estea interesada en acoller a un destes rapaces o primeiro que ten que facer é porse en contacto con esta asociación a través de internet (www.asociacionledicativa.org), por correo electrónico (asociacion.ledicia.cativa@gmail.com) ou por teléfono (988 55 32 11 ou 655 164 904). “De ser posible, recomendamos que nos avisen en decembro porque é cando empezamos a traballar de cara ao verán seguinte xa que os trámites son moi laboriosos, temos unha serie de prazos coas autoridades rusas e tamén coas españolas, hai que xestionar moitísima documentación e manter reunións coas familias novas para informalas e explicarlles moi ben o que é o programa para que logo non teñan problemas de ningún tipo e saiban a qué aterse”, sinala José Manuel Borrajo.

A pesar do esforzo que supón, dende a asociación están satisfeitos e mesmo indican que hai familias que malia á situación de crise e pese a verse afectadas nalgúns casos polo paro seguen traendo aos rapaces. “Dependemos do corazón que lle pon a xente a todo isto”, destaca o vicepresidente.

A primeira vez que Kirill pisou Galicia foi en xuño do 2013. Na imaxe aparece xunto ao grupo de nenos do programa o pasado verán./ Foto cedida pola Asociación Ledicia Cativa.
A primeira vez que Kirill pisou Galicia foi en xuño do 2013. Na imaxe aparece xunto ao grupo de nenos do programa o pasado verán./ Foto cedida pola Asociación Ledicia Cativa.

 

O vínculo que se crea entre nenos e familias de acollida é moi especial de aí que éstas acustemen repetir cada verán. “Eu animaría a calquera a que, se pode, que o faga, porque a parte de ser unha boa acción xa é unha cuestión de saúde, de axudar a estes nenos afectados pola radiación. Ademais a nós apórtanos moitísimo telo aquí. Cando se vai partésenos a alma porque lle colles un cariño impresionante, forma parte de ti xa. Eu pórtome con el como eu quixera que se portasen cos meus fillos”, destaca a valdeorresa Teresa Santalla. En cuestión dunha semana despedirá de novo a Kirill en Lavacolla. A partir de aí tanto ela como o seu marido Alfonso comezarán xa a contar os días que faltan para o seguinte verán no que esperan volver a recibilo na súa casa de Trives.

Tras compartir unhas horas con nós, Kirill acompaña a O Sil á entrada da casa e despídese mentres suxeita a Lana, o can da familia, para evitar que corra pola estrada.

Texto: Ángeles Rodríguez

 

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button