EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro ábrese camiño en Miami

Podería participar en agosto no II Encontro de Empresarios Galegos do Mundo que se celebrará en Santiago de Compostela
Brais Iglesias, co alcalde de Miami na feira Savbor Food & Wine.
Brais Iglesias, co alcalde de Miami na feira Savbor Food & Wine.

Miami pode ser unha porta de entrada a Estados Unidos, pero tamén aos países de Latinoamérica. De aí o interese da Asociación de Colleteiros Embotelladores do Ribeiro por achegarse a este mercado. Un primeiro paso neste senso dábao o seu presidente, Brais Iglesias, que aproveitaba a súa estadía nesta cidade no marco da feira Savbor Food & Wine (23 e 24 de xuño) para establecer contacto co seu alcalde, Tomás Pedro Regalado.

Ademais, Iglesias participaba nun xantar de negocios cun dos directivos da Asociación de Empresarios e Profesionais Galegos de Estados Unidos (AEGUSA), Juan José Casais. Esta entidade está formada por profesionais e empresarios de todos os sectores e entre os seus asociados (un total de 266 só en Miami) hai importadores e distribuidores de viño. Neste encontro, celebrado en Casa Juancho, destacábase “a necesidade de ampliar as colaboracións entre os empresarios galegos no exterior e as empresas galegas que buscan exportar, recordando ese espíritu emigrante galego de axudarse uns a outros”, segundo se informa dende a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro.

O presidente da Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro, co directivo de AEGUSA.
O presidente da Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro, co directivo de AEGUSA.

Ademais Casais e Lorenzo concidían en que o mercado norteamericano ofrece interesantes oportunidades para os viños destes produtores do Ribeiro xa que nel consúmese máis branco que tinto e están buscando novos produtos, polo que as elaboracións de colleiteiro “poden sorprender por ser viños de autor con personalidade propia”.

A partir deste contacto xurdían varias propostas “moi interesantes para ambas asociacións”. Así AEGUSA vén de ofrecerlle, de xeito gratuíto, á asociación do Ribeiro un stand para que “os asistentes ao II Encontro de Empresarios Galegos do Mundo podan degustar viños de colleiteiro”. Este foro terá lugar o vindeiro 5 de agosto no Hotel Los Abetos en Santiago de Compostela.

Ademais acordouse estudar a posibilidade de que AEGUSA organice o vindeiro ano un evento público para promocionar e impulsar a comercialización de viños de colleiteiro.

Fotos: cedidas pola Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button