En portada

“A atención ao cliente é o que nos fai diferentes”

Xtudio Networks, na Rúa, Empresa valdeorresa do sector tecnolóxico que conta cuns 10.778 clientes en 65 países e máis de 3.000 dominios aloxados
Víctor Alves Dobao e os irmáns Daniel e Julio Brasa Blanco, na sede de Xtudio Networks, na Rúa. / Foto: Carlos G. Hervella.
Víctor Alves Dobao e os irmáns Daniel e Julio Brasa Blanco, na sede de Xtudio Networks, na Rúa. / Foto: Carlos G. Hervella.

Texto: Ángeles Rodríguez

English version

Versión en Español

Soa o teléfono na oficina de Xtudio Networks, na Rúa. A chamada é do sur de España. Movéndose entre varios ordenadores, Julio Brasa atende a demanda do cliente e resolve o problema en apenas uns minutos. Pouco despois, entra unha nova chamada, desta volta do estranxeiro. E repítese a escena. A través das redes de telecomunicacións e da informática esta empresa valdeorresa do sector tecnolóxico desenvolve o seu traballo en diferentes partes de España e do mundo.

Xstudio Networks ten apenas dous anos de vida, pero detrás dela está a ampla bagaxe en internet dos seus promotores, os irmáns barquenses Julio e Daniel Brasa. De aí que neste curto tempo conte xa con 10.778 clientes rexistrados de 65 países diferentes e máis de 3.000 dominios aloxados. “Dependendo do sector ao que se dirixe”, comenta Julio Brasa, “podemos dicir que Xtudio Networks está estruturado en diferentes divisións: contido de pago, estudio gráfico.com, sered.net…”.

A súa actividade principal consiste en “dar servizos de aloxamento web, venta de dominios, servidores decidados e servidores virtuais, así como calquera outro servizo de creación de páxinas web ou programación, posicionamento web e en buscadores, comercio electrónico… O que non acostumamos facer son mantementos informáticos no sentido de ir a oficinas e ver ordenadores”, matiza Daniel Brasa.

Para poder dar este servizo contan con máis de 40 servidores propios localizados en centros de datos de Barcelona e Madrid, sumando máis de 600 Gb de memoria Ram e 8.000 Gbs de almacenamento, ademais de 20 Gbs de conexión a internet. “Ogallá os servidores estiveran na comarca pero polo de agora non pode ser polas actuais infraestruturas de rede. No noso mercado competimos con xente de Uruguai, de Arxentina, de Francia, de Alemaña, de Inglaterra… entón dende A Rúa poder igualar a Londres en canto a infraestruturas é moi difícil. Ese o motivo polo que os servidores están en Barcelona e agora, tamén para darlle máis opcións aos nosos clientes, abrimos infraestrutura en Madrid”, sinalan os responsables de Xtudio Networks.

Recoñecen que ter a sede en Madrid ou en Barcelona en lugar de na Rúa lles beneficiaría máis, “por contacto con proveedores e tamén polo desenvolvemento tecnolóxico que hai nesas zonas. Ademais hai veces nas que te minusvaloran por estar aquí, pensan que sabes menos ou que contas con menos recursos, e tes que demostrar o dobre que se estiveras en Madrid”. A pesar diso, apostan por manterse na comarca, “somos valdeorreses e vivimos aquí”.

O perfil do seus clientes (empresas e particulares) é moi variado. “Temos dende tendas online, sindicatos de fotógrafos e colexios profesionais, ata institutos, dentistas ou xornais de Madrid. A maior parte deles son pequenas e medianas empresas, pero de sectores moi diferentes”, explican. Dos seus case 11.000 clientes, 3.803 están en España e o resto en diferentes partes do mundo (dende Estados a Xapón, pasando por Sudáfrica), se ben destacan pola súa importancia os de países latinoamericanos como México, Arxentina, Chile, Venezuela, Perú ou Uruguai. “Tocamos moitos mercados”, din.

Persoal desta empresa comprobando unha web./ Foto: Carlos G. Hervella.
Persoal desta empresa comprobando unha web./ Foto: Carlos G. Hervella.

Esta empresa valdeorresa aposta por unha coidada atención ao cliente. “Isto é o que máis nos diferencia doutras empresas. Cando un usuario nos chama, xa sabemos quen é, qué é o que fai, qué necesidades ten, entón nos mesmos ofrecémoslle solucións ás demandas que nos plantexa. Non é un número máis nunha lista. Dámoslle unha atención cercana, a diferencia doutras empresas nas que, cando tes un problema, chamas a unha centraliña que te desvía a outro número no que tes que esperar e no que che contesta unha persoa que non sabe de qué vai o tema”, asegura Julio Brasa.

Outra das claves do seu servizo é a formación e a continua actualización. “En informática debes reciclarte continuamente, todos os días saen programas novos e o mercado evoluciona moi rápido”, destacan.

Actualmente Xtudio Networks dá traballo a tres persoas e conta con colaboradores independentes en diferentes partes do mundo. “A nosa ilusión é, se fose viable e posible, ter a máis xente da comarca na empresa. O feito de conseguir a Víctor Alves, que é da Rúa e que estaba traballando fóra, foi todo un logro”. Botan en falta centros de formación no oriente ourensán “que formen aos xoves en novas tecnoloxías. Hai centros de FP con diversos ciclos, e iso está moi ben, pero sería interesante tamén contar con algún do ámbito tecnolóxico porque iso permitiría que puideran xurdir máis empresas como a nosa. Ás veces no noso sector vémonos limitados en canto a profesionais”.

Tamén lles gustaría poder darlle máis presenza a Valdeorras en internet e dinamizala na rede. “Encantaríanos poñer o noso gran de area para que, por exemplo, as Pemes da comarca tiveran comercio electrónico. Ademais gustaríanos coñecer a máis profesionais da zona do sector tecnolóxico para ver en qué podemos colaborar.

Xtudio Networks
Telf. 988 684354
admin@xtudionet.com
www.sered.net
www.xtudionet.com

Artigos relacionados

Back to top button