EconomíaEconomíaÚltima hora

A avespiña segue avanzando

O sector da castaña español pide reunirse coa ministra de Agricultura
Delegación da Rede Estatal do Castiñeiro, en Vila Pouca de Aguiar (Portugal)./ Foto: Rede Estatal do Castiñeiro.
Delegación da Rede Estatal do Castiñeiro, en Vila Pouca de Aguiar (Portugal)./ Foto: Rede Estatal do Castiñeiro.

A avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) segue avanzando, e con rapidez, polo territorio español. A velocidade e os efectos desta praga, considerada a maior ameaza para o castiñeiro a nivel mundial, preocupa e moito ao sector. E así o manifestaba a Rede Estatal do Castiñeiro, tras a reunión mantida o 10 de setembro en Vila Pouca de Aguiar, coincidindo co VI Encontro Europeo da Castaña nesta cidade portuguesa (do 9 ao 12 de setembro). O sector español analizaba os últimos datos que confirman a extensión da praga e incidía na loita biolóxica como principal xeito de combatila e evitar as súas consecuencias.

Por iso a Rede Estatal do Castiñeiro pide ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) “superar as reticencias e limitacións á solta do parasitoide específico (Torymus sinensis) para o control da avespiña, tal e como se ten feito noutros países do noso entorno, pola súa nula afección ao medio natural, e que non obstante terminará chegando ao medio de forma natural, se ben non ao ritmo da propia praga”. Nese senso solicitábase por carta o 14 de setembro unha reunión “inmediata” coa ministra de Agricultura para “a posta en marcha dun Plan de Continxencia para facer fronte de forma seria e eficaz” á avespiña, segundo a Rede Estatal do Castiñeiro.

Esta praga foi asemade un dos temas abordados no VI Encontro Europeo da Castaña, que reunía ao sector de países como Italia, Francia ou España, entre outros. Tamén se contaba con asistencia galega da man da IXP Castaña de Galicia e da Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga).

Texto: A.R.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button