CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“A cultura popular non sabe de raias nin de mapas”

Felipe Lubián disertaba sobre “ser zamorano e falar galego” nunha conferencia promovida pola Biblioteca Pública Municipal de Verín

Na súa experiencia en relación coa lingua galega, e tamén na de boa parte da súa xeración, centraba o zamorano Felipe Lubián, mestre xubilado e actual alcalde de Lubián, a conferencia que impartía na tarde do 20 de novembro no salón de actos da Casa da Cultura de Verín.

O acto comezaba coa intervención do alcalde verinense, Gerardo Seoane, quen explicaba que dentro das actividades do Concello “hai unha serie de conferencias onde se dá cabida a todas as áreas, pero principalmente ás que teñen que ver coa nosa cultura e coa nosa maneira de vivir”. De seguido, a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, presentaba ao ponente, gran defensor da lingua galega fóra da Galicia administrativa.

A continuación, tomaba a palabra Felipe Lubián quen lembraba a relación coa lingua galega e mesmo con Galicia ao longo da súa biografía persoal e as contracións que ao estar en terra galega se atopa con respecto a este idioma. Explicaba como é o galego que se fala nas Portelas, “un galego oriental” e cómo a cultura popular labrega permitiu a súa pervivencia, e iso a pesar de que se trazaron límites administrativos que separaron zonas que noutrora foran galegas. “A cultura popular non sabe de raias, nin de mapas, xurde da natureza. A cultura sempre andou, anda e andará libre polos camiños e polos campos”, sinalaba. E, malia que esas raias non frearon a cultura, “si o fixeron co ensino”. De aí unha serie de iniciativas en materia de lingua e ensino que impulsou durante a súa etapa como deputado na Deputación de Zamora. E sobre o futuro, ante as preguntas do público, aseguraba que “nós imos seguir falando galego mentres haxa xente”.

Esta conferencia foi promovida dende a Bibilioteca Pública Municipal de Verín.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button