“A Esmorga” e “Os Fenómenos”, os máis premiados nos Mestre Mateo

O filme de Ignacio Vilar colleitaba seis galardóns na noite do 11 de abril na Coruña

Era a produción con máis nominacións, un total de 16, e remataba a gala dos Premios Mestre Mateo 2015 co maior número de estatuíñas: seis. “A Esmorga” (de Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG), dirixida polo valdeorrés Ignacio Vilar, convertíase no filme máis galardoado da XIII edición das distincións do audiovisual galego, cuxa gala se celebraba na noite do 11 de abril no Palexco da Coruña. Lograba o Mestre Mateo á mellor interpretación masculina protagonista da man de Antonio Durán “Morris”, á dirección de arte (Ángel Amaro), á dirección de fotografía (Diego Romero Suárez Llanos), música orixinal (Zeltia Montes), vestiario (Mar Fraga) e, finalmente, maquillaxe e perruquería (Susana Veira).

Sen embargo, escapábanselle os premios á mellor longametraxe, á mellor dirección ou ao mellor guión. Algo polo que o seu director, Ignacio Vilar, amosábase decepcionado ao final da gala. “Hai seis premios moi importantes, pero non ten sentido que eses premios non estean moi apoiados sobre todo co da mellor película, porque entón ¿para que serven estes premios? Por desgraza neste país os espectadores teñen máis cultura cinematográfica que a maior parte dos académicos. Para min o gran premio é que os espectadores de Galicia encheron as salas e grazas a eles estamos en cantidade de cines en Madrid, en Cataluña, no País Vasco, en Navarra… eses si que parece que saben cando unha película sabe chegar e que me transmitiron a súa emoción”. Ademais Vilar anunciaba a súa intención de retirarse da academia en breve.

Por outra banda, “Os Fenómenos” (Zircocine, Maruxiña Film Company e TVG), de Alfonso Zarauza, acadaba a estatuíña á mellor película, á mellor dirección e ao mellor guión (que recaía en Alfonso Zarauza e Jaione Camborda). Ademais a ourensá Ledicia Sola conseguía o premio á mellor interpretación feminina de reparto pola súa participación nesta película. Os premios á mellor dirección de produción (Toni Veiga) e ao son (David Machado) ían para “Schimbare” de Álex Sampayo.

Estes eran os traballos máis distinguidos nesta gala presentada por Roberto Vilar, que comezaba a súa intervención cun agradecemento “de corazón” ao “apoio moi grande e moi especial do público” que acude ao cine a ver as películas que se fan en Galicia. Tampouco faltaban as alusións ao bo momento que atravesa o sector en Galicia co éxito das producións televisivas e a presenza de cine galego de calidade nas salas.

A entrega encetábase coa categoría á mellor interpretación masculina de reparto coa que se recoñecía a Antonio Durán “Morris”, ausente do acto por motivos profesionais, por “O Códice”. Tamén premiados resultaban “Maimiño” como mellor longametraxe de animación, “Angrois no esquecemento” (do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes) no apartado de documentais, “Serramoura” como serie de televisión, “Zig Zag diario” da TVG como mellor programa televisivo, “Alarma, ya es Navidad” como anuncio publicitario, “Unary” como curtametraxe, “Garden’s Road” de Miss Movies como videoclip, Marga Pazos como mellor comunicadora de televisión por Telexornal Mediodía, Diego Guerrero e Marcos Estebo por “Cos pés na terra” (3ª tempada) e Marcos Nine pola montaxe de “A viaxe de Leslie”.

Outra das distincións con carácter valdeorrés era a que recibía a webserie “El método sueco” de Porco Bravú, cuxa coprodutora é a valdeorresa Alicia Alonso. Os seus xóvenes autores, de 23 anos, recibían un gran aplauso no escenario e reivindicaban o protagonismo dos máis novos no audiovisual galego adicándolles o premio.

O palmarés completábase co “Premio de Honra Fernando Rey”, que recoñecía a traxectoria da ourensá Fely Manzano, cunha longa andaina no mundo escénico e na ficción audiovisual galega. Recibíao de mans de Mabel Rivera, a súa compañeira durante anos na serie “Pratos combinados”, tras unha longa e emotiva aperta. Manzano, que se confesaba “moi nervosa e emocionada”, facía despois unha intervención chea de agradecementos e adicacións e na que pedía ás produtoras que non se esquezan dos actores da súa xeración. Pouco despois, Mabel Rivera, subía de novo ao escenario, desta volta para recoller o Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista por “Pazo de Familia”.

No decurso da gala destes XIII Premios Mestre Mateo, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, facía balance dos catro anos de xestión, “difíciles pero apaixoantes”, á fronte desta entidade e anunciaba que en maio tomará o relevo unha nova directiva, á que lle desexaba “toda a sorte do mundo”. Incidía tamén en que “temos infinidade de retos por diante e seguimos crendo firmemente que, para afrontar eses retos, é imprescindible a participación activa de todas as persoas involucradas neste sector”.

Un total de 111 obras estreadas no 2014 competían por estes premios, das que 11 son longametraxes (tres deles de animación), 17 documentais, 5 series, 7 series web, 20 programas de televisión, 18 curtametraxes, 16 anuncios publicitarios e 17 videoclips.

A gala de entrega dos Mestre Mateo, que se transmitía pola TVG, era seguida no Palexco por unhas mil persoas, entre as que había tamén convidados ourensáns. Entre eles estaba o alcalde de Petín, Miguel Bautista, que acudía para respaldar o filme de Ignacio Vilar.

Texto: A.R. Fotos: Carlos G. Hervella

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies