CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A etapa dourada do cine no Barco, na VIII Xuntanza de Pandillas

Esta entrañable reunión, que ten cada ano como marco as Festas do Cristo, tiña lugar no mediodía do 13 de setembro

Tras danzar ao son tradicional dos Bertolini, e previo paso pola taquilla, atendida por un particular “Groucho Marx”, os participantes na Xuntanza de Pandillas do Barco íanse sentando nas butacas do Teatro Lauro Olmo da vila. Apagábanse as luces e comezaba a proxección, por suposto, co preceptivo “No-Do” (Noticiero Documental). Como se dunha antiga sesión de cinema se tratase, con acomodador incluído e co característico baldordo do galiñeiro, comezaba a oitava edición da Xuntanza de pandillas barquenses, adicada nesta volta ao cine.

De seguido, o concelleiro de Cultura do Barco, Eduardo Ojea, e tamén membro dun destes grupos formados na infancia, daba á benvida aos participantes e explica a razón de ser deste acto, que supón un reencontro entre barquenses que residen fóra, os veciños da vila e tamén unha posta en común de recordos, amizades e celebracións, unidas “polo amor que comparten polo pobo”.

E en referencia á temática deste ano, Ojea apuntaba que “os cines ata finais dos anos 70 no Barco deron moito xogo e cancións como “Cuando calienta el sol” e outras naqueles tempos eran o reclamo para facernos vir ao cine, unha vez dentro, os cines diversos aquel olor a desinfectante tan característico, a música antes do inicio, o Nodo obrigatorio ata o 81, o acomodador chamándonos a atención por comer pipas, polo pés encima da butaca ou por prender un pito ás escondidas…”. Unha serie de lembranzas que “forma parte do noso ADN de barquenses que neste acto tan sinxelo estamos a recordar con agarimo e nostalxia”, apuntaba o concelleiro.

Despois, tiña lugar unha proxección sobre a historia dos cines barquenses realizada en 1985 pola “Televisión Grouchista” con motivo da III Semana de Cine do Barco e, de seguido, tomaban a palabra o barquense Julio Mourelo que relatou as súas vivencias en relación coa sétima arte, enlazándoas ademais coa historia do cine na vila citando salas referentes como o Santos Valle, o Emperador, o Monumental ou o Colón. Tamén revivindicou o valor do cine e recoñeceu o labor que está desempeñar o Cine Club Groucho Marx neste municipio para mantelo vivo.

Foi precisamente o presidente desta entidade cultural, José María Rodríguez, quen pechaba o acto incidindo en que o futuro do cinema no Barco depende precisamente dos seus veciños e rendía unha homenaxe a tres persoas moi ligadas a este oficio no Barco: o cámara “Pepe Galvanas” e a súa dona Tere, falecidos este ano, e ao tamén cámara Pestana, que sufre unha enfermidade.

E tras abandonar a sala de cine, os membros da media ducia de pandillas participantes no encontro (Saldoira, Os Iris, Casas Baratas, Malecón ou BX) compartían uns viños da D.O. Valdeorras acompañados por diversos pinchos, entre eles, a empanada de maravallas.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button