ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Eurocidade Chaves-Verín pasa a ser unha Axencia Europea de Cooperación Territorial

Este novo organismo dábase a coñecer nun acto celebrado o 14 de abril en Verín

A Eurocidade Chaves-Verín vén de converterse en Agrupación Europea de Cooperación Territorial (ECV-AECT), a segunda da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, na mañá do 14 de abril. Foi no decurso nun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. “Hoxe damos un paso máis, xa que coa personalidade xurídica que a AECT recén aprobada nos outorga, establécense as seguintes funcións dirixidas a reforzar a cooperación transfronteiriza promovendo unha xestión integrada dos equipamentos e servizos existentes, a planificación equilibrada de inversións produtivas e a xestión conxunta de programas financiados pola Unión Europea”, subliñou o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán.

A ECV-AECT créase a partir do Regulamento (CE) 1082/2006 polo que se lle outorga personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, carece de ánimo de lucro e o seu obxecto é o de promover a cooperación territorial, transfronteiriza, nos campos do comercio, turismo, patrimonio, ordenación do territorio, medio e recursos naturais, aproveitamento conxunto e protección do río Támega, transporte e telecomunicacións, loxística, cultura, deporte, educación, entretemento, asistencia sanitaria, protección civil, entre outros. De acordo co mencionado Regulamento, este novo instrumento foi creado como resultado de “as dificultades que os Estados membros e, en concreto, as autoridades rexionais e locais encontran á hora de levar a cabo e xestionar as actividades de cooperación territorial, conforme a lexislacións e procedementos nacionais diferentes”, indicaba o rexidor.

Pola súa banda, o presidente da Câmara de Chaves, António Cabeleira, destacaba que o “que estamos a facer é construír pontes a través da fronteira, contribuíndo para a integración e cohesión europea, xa que queremos transformar o concepto de fronteira nun novo paradigma de oportunidades para o desenvolvemento. Estamos a implementar a anunciada política europea de eliminación de fronteiras a un custo moito máis baixo do que custaría facelo desde Bruxelas, porque é verdade que a cooperación non ten aínda procesos de lexitimación política propia, pero comprendemos que a racionalidade política dos estados debe sobreporse á racionalidade das rexións transfronteirizas”.

Nesa mesma liña, o presidente da Xunta de Galicia aseguraba que a creación da AECT Eurocidade Chaves-Verín supón crear “un marco xurídico regulador da traxectoria de colaboración existente entre os dous municpios”, posto que se trata dun instrumento nado do dereito comunitario, con personalidade xurídica propia para contratar actuacións e servizos de intererse para os dous socios.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button