En portadaÚltima hora

A Feira do Gando de Porto celebra o centenario

O 26 de agosto celebrarase a tradicional mostra de vacún na localidade zamorana con exhibición de cetrería e arrastre de pedra
Exposición de gando na feira de agosto de Porto (Zamora). /Foto: Carlos G. Hervella.
Exposición de gando na feira de agosto de Porto (Zamora). /Foto: Carlos G. Hervella.

Co obxectivo de exaltar e impulsar a súa raza vacún autóctona, a Alistana-Sanabresa, unha variedade que destaca pola calidade e tenrura que posúen as súas carnes, a localidade zamorana de Porto organiza ao longo do ano diferentes feiras. Mostras que se celebran xa dende comezos do século XX, e que malia minguar en cada edición no número de exemplares, xa que cada vez existen menos gandeiros na zona, seguen vivas convocando a veciños e visitantes da comarca de Sanabria e zonas limítrofes.

Malia haber varias distribuídas nos meses estivais, é a do 26 de agosto a que reúne a maior número, tanto de exemplares como de público e este ano faráo dun xeito especial xa que o Concello, con Guadalupe Carracedo ao fronte, celebra o seu centenario. Foi precisamente na alcaldía que ela preside dende xuño deste ano, onde localizaron a acta da sesión plenaria na que se acordaba establecer a feira anual de toda clase de gando en Porto, o día 26 de agosto de 1915, sendo alcalde do municipio Juan Miguel Granja, segundo os datos facilitados polo filólogo e lingüista, Francisco Vega Ballesteros nunha conferencia sobre a historia de La Sierra de Sospacio.

Por iso, esta edición da Feira do Gando de Porto será especial. O día central será o mércores, aínda que tal como explica a alcaldesa haberá diferentes actividades ao longo do mes. Tal é caso dos xogos para os nenos que se irán celebrando entre o 15 e o 26, a actuación dun grupo de pandereteiras de Zamora o día 22, ou o concerto de Son do Sil, a noite do día 25.

E xa o día 26, a feira abrirase en torno ás 10h. coa exposición de gando ata as 14h. aproximadamente. Despois haberá un xantar popular para veciños e visitantes ata completar aforo. Ese día tamén haberá unha exhibición de cetrería ás 17h. e outra de arrastre de pedra para o que contarán con tres parellas de bois e outras tres de vacas, en torno ás 19h. A xornada rematará coma sempre con baile en sesión de tarde e verbena.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button