Con novas propostas coas que busca posicionarse como principal evento enoturístico de Galicia preséntase a 52ª Feira do Viño do Ribeiro, que se desenvolverá do 1 ao 3 de maio en Ribadavia. Entre elas figuran en globo “Brindis por todo o alto con Ribeiro”, a carreira popular “Correndo entre viñedos” ou as catas e obradoiros de cociña que se levarán a cabo ao longo desa fin de semana. Así se destacaba na presentación do programa oficial deste certame, que tiña lugar na mañá do 20 de abril en Ourense.
A pretensión principal da organización é que “toda a familia, dende os máis cativos ata os máis maiores, participe de forma conxunta e poda gozar da Feira do Viño do Ribeiro, inculcando a cultura e os valores do viño a todo o mundo”. Ademais, segundo resaltaba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso, con esta mostra faise non só imaxe dos viños desta zona, senón tamén do territorio do Ribeiro.
O programa inclúe tamén multitude de propostas musicais, con concertos como o de Marcos Rodríguez (voz protagonista do musical “Hoy no me puedo levantar”), así como os Sons do Viño (actuacións en diferentes puntos do casco histórico da vila)ou o Festival de Primavera. Haberá asemade actos paralelos como a exposicións de cartaces da feira do viño, visitas turísticas ou actuacións de maxia.
O acto de presentación do programa do certame contaba coa presenza de Marcos Blanco Jorge, alcalde de Ribadavia; Miguel Ángel Viso Diéguez, presidente da DO Ribeiro; Rogelio Martínez González, delegado da Xunta en Ourense da Xunta de Galicia; José Ángel Vázquez Barquero, tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica do Concello de Ourense, Jose Manuel Rodríguez, xerente do INORDE, José Prieto Pérez, concelleiro de Cultura, Turismo, Educación e Deporte do Concello de Ribadavia; e Daniel Guzmán Cima, cociñeiro do Restaurante Nova, Ourense – Estrela Michelín.