ConcellosÚltima hora

A Festa do Botelo do Barco e o Entroido de Maceda, festas de interese turístico galego

O Consello da Xunta aprobaba a súa declaración na xuntanza do 23 de outubro
Asistentes á pasada edición da Festa do Botelo no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Asistentes á pasada edición da Festa do Botelo no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

A vindeira Festa do Botelo do Barco, que acostuma celebrarse a mediados de xaneiro, será moi especial. Nesta edición esta celebración gastronómico estreará o seu recoñecemento como festa de interese turístico de Galicia. O Consello da Xunta aprobaba na mañá do 23 de outubro a súa declaración.

“De acordo co procedemento para a declaración de festas de Galicia de interese turístico regulado no capítulo III do Decreto 39/2001, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, e emitidos os preceptivos informes pola Delegación Territorial, reuniuse a comisión de valoración que analizou as solicitudes e acordou elevar ao Consello da Xunta para a súa aprobación as proposta”, segundo de informaba dende a Administración autonómica.

Á hora de aprobar esta declaración tíñanse en conta “os requisitos de antigüidade mínima de dez anos, a singularidade e orixinalidade das celebracións, así como o seu arraigamento popular e o seu valor cultural. Así mesmo, tivéronse en conta criterios como a afluencia de visitantes, a calidade dos actos que configuren a celebración, a creatividade da mesma, e o adecuado coidado dos contornos paisaxísticos, urbanos e monumentais, entre outros”.

O Felo é o personaxe central do Entroido de Maceda, agora de interese turístico galego.
O Felo é o personaxe central do Entroido de Maceda, agora de interese turístico galego.

Ademais da Festa do Botelo do Barco, neste mesmo consello aprobábase tamén a declaración de Festa de interese turítico de Galicia para o Entroido de Maceda “do que non se ten clara a súa orixe, aínda que se ten constancia documental e fotográfica dun traxe do ano 1890, e na actualidade celébrase de xeito interrompido dende o ano 1997. Este Entroido é diferente do resto dos entroidos pola forte personalidade do seu protagonista “O Felo”, non só pola súa vestimenta e máscara, senón polo seu comportamento, posto que é a autoridade nestas data”, segundo a Xunta.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button