OurenseÚltima hora

A maxia do teatro encantará Ourense do 16 ao 30 de abril

A XX MITEU contará con máis de 30 espectáculos de grupos universitarios e profesionais nacionais e internacionais
Presentación en Ourense da XX edición da MITEU.
Presentación en Ourense da XX edición da MITEU.

Preto de 30 grupos universitarios e compañías profesionais de Galicia, Portugal, Castela-A Mancha, Castela León, Andalucía, Madrid, Portugal, Navarra, Cantabria, Brasil, Cabo Verde, Bélxica, Irán, Estados Unidos, Italia e Honduras, participarán na XX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) que se celebrará do 16 ao 30 de abril. Máis de 30 espectáculos de teatro, danza e circo, combinados con concertos, documentais, unha exposición, un obradoiro e clases maxistrais, converterán a cidade nun espazo de encontro de actores, directores, guionistas e público.

O 16 de abril, a aula de teatro universitario de Ourense Rosaura será a encargada de abrir a programación, coa estrea da obra “Donos do tempo”, nunha xornada que tamén contará coas actuacións da aula de teatro ourensá Cordelia e da compañía andaluza Zen del Sur, para rematar co concerto do grupo galego Raindogs. O venres 17 de abril será a quenda do grupo universitario de Castela-A Mancha Malaestirpe e da compañía belga Okidok.

Na fin de semana, o sábado 17 comezará co espectáculo da aula de teatro de Santiago, que ofrecerá unha adaptación libre do musical de Broadway, coa colaboración da Orquestra de Cámara da USC. A xornada rematará co V Encontro de Danza Interuniversitaria, no que participarán as compañías das universidades da Coruña e de Santiago, Miriam Centro de Danza, de Ourense, e Tics Espazo de Danza. O día 19, a aula de teatro infantil Geppetto de Ourense fará gozar os nenos e nenas coa obra “As aventuras de Polgariña”. A continuación, Teatro El Mayal, da Universidade de León, representará a obra “Hotel Las Vegas”.

A semana seguinte comezará cos espectáculos “Degüello”, o luns 20 de abril, e “Cartas de las golondrinas”, o martes 21, que porán en escena a aula de teatro universitario de Huelva e a compañía Escena Miriñaque, de Cantabria, respectivamente. A programación teatral galega e lusófona será a protagonista o mércores 22 de abril, co espectáculo “Pangeia”, de Limiar Teatro e Acaso Danza, e máis coa obra “Pessoa… Pessoa…”, da compañía Somá Cambá de Cabo Verde.

A obra “Pequenos actos pseudorrevolucionarios” da compañía galega Ibuprofeno Teatro, abrirá a xornada do día 23, que tamén contará co concerto do grupo Igmig e coa estrea en Galicia de “La gran misa patólica”.

O actor Leo Bassi será o encargado de ofrecer unha clase maxistral, o xoves 24, para afondar nun sistema que mestura a teoría con orixinais xogos psicolóxicos. Ese día tamén actuarán o grupo de teatro universitario de Belas Artes da Complutense e a compañía Asta Teatro de Portugal. Xa na fin de semana, a MITEU ofrecerá os espectáculos “A casa do vestido castanho” de Teatr’Ubi, e “Shakespeare, Love, 2001” da compañía de Irán Sokoot.

Corifeo Teatro da Coruña afondarán na espera e na desesperación co seu espectáculo “Salas de espera”, o luns 27. Ese mesmo día tamén actuarán a aula de teatro universitario da Coruña Normal, coa obra “Augusta”, e a compañía de teatro da USC do campus de Lugo, que interpretará “Lear. Da nada sae a nada”.

O martes 28 de abril será a quenda do grupo de teatro universitario de Navarra, coa obra “Besos”. Ao día seguinte proxectarase o documental “Access to the danger zone”. Pechará a programación do mércores o espectáculo “De cómo moría y resucitaba Lázaro”, da Asociación Teatro Taller Tegucigalpa de Honduras.

Na xornada de clausura, o 30 de abril, ademais da entrega de premios do xurado e do espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz, así como á mellor resolución técnica Suso Díaz, a organización da MITEU outorgaralle o premio da súa vixésima edición aos Perqtores de Seixalbo, pola súa implicación e colaboración coa mostra desde hai anos. Finalmente, a mostra rematará co espectáculo “III”, da aula de teatro ourensá Maricastaña, e coa representación da obra “The Gagfather”, do grupo madrileño Yllana.

O auditorio, o teatro principal, o campus, así como diversas rúas e locais de Ourense serán os escenarios desta nova edición da MITEU, que tamén incluirá coloquios, unha exposición e un obradoiro de teatro do grupo Sokoot Theatre Group de Irán, o día 24 de abril.

Artigos relacionados

Back to top button