CulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

A Rúa acolle a gran festa do acordeón

Máis de 35 acordeonistas participaron no Día Mundial do Acordeón organizado por Abertal

O Día Mundial do Acordeón é o 6 de maio, pero na Rúa decidían aproveitar a fin de semana e adiantaban a celebración catro días. Así, na tarde-noite do sábado 2 de maio, o abarrotado Centro Cultural Avenida acollía un gran festival musical co acordeón como gran protagonista.

O acto, organizado pola Escola de Música e Baile Tradicional Abertal en colaboración co Concello, contou coa magnífica actuación de máis de 35 músicos, da comarca de Valdeorras e doutros puntos de Galicia (especialmente da provincia de Pontevedra), algúns xa consagrados e outros que tocaban por primeira vez diante do público.

Da man do profesor de acordeón de Abertal dende hai sete anos, Manuel Olegario, a gran festa do acordeón arrancaba coa actuación das alumnas máis pequenas da escola, e pouco a pouco ía subindo o nivel. Houbo actuacións de solistas, de dúos e ata de quintetos, contando asemade co grupo de acordeóns Tarataña de Vigo e co dúo de virtuosos formado por Manuel Olegario e Jaime Vilas, dous grandes mestres que fixeron vibrar o teatro.

Con todo, un dos momentos máis esperados da noite foi a presentación do grupo de acordeóns Abertal, nacido na propia escola, que interpretou temas do seu repertorio. Tocaron sós e tamén co grupo de percusión de Abertal e o coro, co que pechaban o festival. Un festival que normalmente Manuel Olegario, acordeonista autodidacta, compositor, profesor e membro de varias agrupacións, celebraba en terras pontevedresas e que este ano achegaba ata Valdeorras, onde este instrumento ten cada vez máis adeptos. “Esta foi unha forma de incentivar aos alumnos” explica o propio Manuel, pensando xa na segunda edición do Día Mundial do Acordeón na Rúa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button