ConcellosÚltima hora

A Rúa aproba a conta xeral do exercicio 2014

A aprobación, por unanimidade, tiña lugar no pleno extraordinario celebrado o 8 de outubro
Votación da conta xeral do exercicio 2014 no Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.
Votación da conta xeral do exercicio 2014 no Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Por “unha responsabilidade institucional” o BNG da Rúa, ao fronte da alcaldía, viase na obriga de votar a favor da aprobación da conta xeral do exercicio 2014, no pleno extraordinario celebrado na tarde do 8 de outubro.

A alcaldesa-presidenta do Concello da Rúa, María González Albert, explicaba que “de non ter aprobada a conta xeral para A Rúa sería moi problemático poder recibir a partir de agora diñeiro doutras Administracións e unha serie de subvencións que piden como requisito primeiro ter entregada e presentada a conta xeral e nese sentido non nos vai quedar mais remedio que aprobala a pesares de estar totalmente en desacordo”. María explicou que tanto no informe de secretaría coma no de intervención se sinala que “non se cumpre co obxectivo da lei orzamentaria o que, ao meu modo de ver, reflicte unha grande irresponsabilidade na xestion económica do goberno sainte, cun nulo control do gasto”. A alcaldesa fixo asemade referencia ao informe emitido pola Conselleria de Facenda “no que indica que non cumprimos coa estabilidade orzamentaria polo que temos un déficit de máis de 400.000 euros que nos obriga a facer un plan de axuste orzamentario brutal”, e que vai condicionar os tres meses que quedan de exercicio asi como os orzamentos do 2016.

A alcaldesa-presidenta do Concello da Rúa, María González Albert. /Foto: Mónica G. Bellver.
A alcaldesa-presidenta do Concello da Rúa, María González Albert. /Foto: Mónica G. Bellver.

O portavoz socialista Luis Fernández Gudiña, engadíu que “a gravidade da situación foi que o propio goberno saínte non foi capaz de elaborar os presupostos do 2015 e neste momento estamos cos prorrogados do 2014, un dato máis da situación que, non nos gusta, pero por un mero sentido de responsabilidade apoiaremos a aprobación desta conta”.

O portavoz da oposición, Avelino García Ferradal pola súa banda, instou ao goberno “a que vote en contra e que provoque unha situación que obrigue á Administracion pública a facer unha auditoria gratuíta dos ultimos 10 anos, se a situación é tan grave”. Por outro lado García Ferradal lembrou que estase facendo unha obra de urbanización no parque empresarial “no que hai un diferencial en cada parcela de 60 ou 70.000 euros do que se cobrou, o que redundaria en case 250.000 euros deses 300 que di, o que pasa e que ata o día de hoxe non se nos convocou a ninguna comisión de obras e non sabemos se se lles vai cobrar as parcelas ou non, e que cantidade. Esas contas tamén hai que facelas. A transparencia é boa pero con actos”, asegurou.

Finalmente e tras varias roldas de intervención, o punto da orde do día era aprobado por unanimidade. Igual que o cambio de data da sesión ordinaria do 2 de novembro que por ser día festivo pasará ao seguinte luns (9 de novembro), quedando estipulado este cambio para o futuro, cada vez que o pleno coincida cun día festivo.

Artigos relacionados

Back to top button