CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Abertal pon a “guinda” ao curso co festival no Centro Cultural Avenida da Rúa

A actuación de todos os membros da escola tiña lugar na tarde do 16 de xuño

A escola de música e baile tradicional Abertal da Rúa, leva máis de vinte anos clausurando o curso cun multitudinario festival a mediados do mes de xuño, pero o deste ano, que se celebraba na tarde do 16 de xuño no Centro Cultural Avenida, tivo moitas e grandes novidades. A primeira, motivada pola sofocante calor que está a sufrir a comarca de Valdeorras, foi a indumentaria. En lugar dos tradicionais traxes, demasiado abrigados para as altas temperaturas, alumnos e profesores saían ao escenario con vaqueiros e camiseta (negra co nome de Abertal os maiores e branca os máis pequenos).

A segunda novidade foi o orde de actuación. En lugar de comezar cos máis pequenos e pouco a pouco ir subindo de idade, comezaron coa actuación da banda de gaitas que interpretou dous temas (Alborada galega de Pascual Veiga e Farruquiña chaman á porta dos gaiteros de Soutelo), seguida do coro coa Foliada de Carril. A partires de aí fóronse intercalando as actuacións de pandeireta, acordeón, baile e percusión, dos máis pequeniños da escola, dos medianos e dos maiores.

Tamén por primeira vez actuaron os máis pequenos da clase de gaita “e como empezan con frauta, tocarán dous temas con este instrumento”, explicaba o mestre Manuel Durán antes de que os cativos tocaran a Marcha do antigo reino e Pasodoble de Mallou; e os de percusión, con tres temas: Pasodoble de Pampónigas, Muiñeia de Lugo e Mazurca de Bretoña.

Coma sempre, o peche da gala poñíano todos no escenario interpretando o pasodoble Quen teña viño para que o público bailase, antes de dirixirse ata o local de ensaio, na Casa da Cultura, onde compartiron a cea de fin de curso.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button