Entrevistas

“Abertal ten que seguir con xente saída da escola”

Para Manuel A. Durán, ao fronte da Agrupación Abertal dende hai 25 anos, “o máis satisfactorio é que moitos rapaces pasasen pola escola e se formasen na música tradicional galega”
O director da Agrupación Abertal, Manuel Durán.
O director da Agrupación Abertal, Manuel Durán.

Albanel, especialista en todo tipo de reparacións e construcións, oito horas ao día. Gaiteiro a tempo completo. Así é Manuel Anxo Durán Blanco (Anguieiros, Quiroga, 1955), fundador e director da Agrupación Abertal, moito máis que unha escola de música e baile tradicional, que este ano cumpre 25 anos.

Hoxendía todo o mundo coñece a Manolo ou Durán, pero cando chegou á Rúa hai case 30 anos era un descoñecido no val. Aínda así o seu espírito inquedo e galego da cabeza aos pés, impulsouno a xuntar a un grupo de nenos “para tocar a gaita” que pronto se convertiría en centos que ven nel, a un mestre, a un amigo con grandes valores. Porque a súa é unha historia de tradicións, de paixón pola terra, pola cultura galega, cunha inquedanza musical practicamente dende o berce.

¿Por que decide montar unha escola de baile e música tradicional na Rúa? ¿como foi o proceso?

O feito de vir para A Rúa foi porque sempre me gustou este entorno así que busquei unha casiña e xa quedamos aquí. Cheguei no ano 1988 e en xaneiro do 89 comecei coa Agrupación Abertal. Como a min me gustaba e xa tocaba, ao chegar aquí e ver que non había nada disto, ninguén que tocara a gaita, fun ao Concello e ofrecinme a dar clases gratis se me deixaban un local. E así foi, puxemos uns carteis e apuntáronse oito ou nove nenos. Daquela a min non me coñecía ninguén e algúns dos que empezaron eran da miña familia, a miña filla, sobriña… A cousa foi indo a máis e ao seguinte curso xa se apuntou moita xente e así progresivamente. Empezamos con gaita e percusión e en realidade facíao todo eu, ata o anagrama e o nome. Gustoume Abertal porque significa que é algo comunal, de todos, aberto a todo o mundo e de feito así é. Teño alumnos de nove concellos.

Despois dese primeiro curso ¿seguiuse co mesmo formato de gaita e percusión?

Xa no primeiro ano incorporamos tamén baile. Despois empezamos cun grupiño de pandereteiras case dende o principio e pouco a pouco fomos incorporando instrumental, collendo gaitas de diferentes tonalidades. Temos dúas gaitas de Fa grave co punteiro moi grande, e de Fa agudo co punteiro moi pequeno. Teñen sons totalmente opostos e despois están as tonalidades intermedias, a gaita tumbal en Si bemol que é a que utilizamos na Banda de Gaitas. Temos gaitas en Do que é a redonda e en Re, que é a gaita grileira. Tamén incorporamos traxes…

¿Que é o máis característico da agrupación?

Eu penso que é que mantemos a propia tradición galega, dentro das súas evolucións, pero non nos saímos do que é a música tradicional galega. Outra das peculiaridades é que temos un pouco de todo o que abarca, creo que non nos queda nada. Temos percusión galega, baile, gaita, acordeón que tamén está considerado como un dos instrumentos da música tradicional galega, e incluso un grupo folk que non é Abertal pero si ten moito que ver porque os seus integrantes son xente da agrupación.

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevita íntegra pode lerse na edición en papel de maio do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button