OurenseÚltima hora

A actividade delictiva segue a súa tendencia á baixa no 2017 en Ourense

A Xunta Local de Seguridade da cidade mantivo hoxe a súa xuntanza na Subdelegación do Goberno
Roberto Castro sinalou a boa coordinación entre corpos de seguridade.

A Subdelegación do Goberno acolleu hoxe, 14 de decembro, a reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez. Nela participaron, tamén, membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da Policía Autonómica, Policía Local e colectivos veciñais.

Os datos expostos amosan “unha tendencia á baixa das infraccións penais durante este ano, con respecto ao mesmo período do ano anterior”. En concreto sitúanse en 20 delitos por cada mil habitantes; sendo a media galega de 27 e a nacional de 40. Este descenso é máis acusado nos delitos que xeran maior alarma social como son os roubos con violencia, forza en domicilios e en establecementos. Tamén hai un descenso nos roubos con forza en anexos a vivendas e os casos de subtracción en vehículos.

Eses mesmos datos tamén reflicten un descenso no número de concentracións e das actas de incautación de drogas; pola contra, sobe levemente o número de manifestacións. O único apartado no que a evolución da criminalidade foi negativa, é no número de estafas con tarxetas de crédito, que se incrementou levemente.

Tamén remarcaron un pequeno repunte nos detidos pola lei de estranxeiría, levándose a cabo varios operativos para evitar fraudes na regularización polas vías de matrimonio fraudulento ou fraudes á seguridade social, o que deu lugar a un incremento na tramitación de expedientes de expulsión e un maior número de detidos.

Así mesmo, as Forzas e Corpos de Seguridade desenvolveron un total de 392 servizos humanitarios ata finais do mes de novembro: auxilio ás persoas maiores que viven solas, persoas eivadas e apoio ao 061.

Roberto Castro e Jesús Vázquez presidiron a xuntanza.

No eido dos Plans de Seguridade, a Policía Nacional recobrou os seus reforzos no eido escolar con máis actividade e maior presenza para mellorar a seguridade e convivencia nos centros. Tamén duplicaron o operativo de vixilancia nos colexios, desactivando posibles puntos de venda de drogas.

Nesta xuntanza tamén se falou do Plan Turismo Seguro, impulsado pola Secretaría de Estado de Seguridade, co obxectivo de previr a delincuencia itinerante, pondo en marcha dispositivos de control de estacións e vías de entrada á cidade. Outra das súas finalidades é previr a delincuencia en zonas de ocio, entre outros puntos presentes dentro do Plan Director. Neste eido, os axentes fixeron visitas a hoteis, aparcadoiros, axencias de viaxe, axencias de aluguer de vehículos.

Para incrementar a seguridade séguense incrementando a coordinación das Forzas de Corpos de Seguridade do Estado coa Policía Autonómica e Local. Así mesmo, intensificarán a colaboración da Policía Nacional e a Garda Civil coas institucións públicas e privadas que compoñen o sector turístico.

Tendo en conta estes datos, o Subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, manifestou o seu agradecemento ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, á Policía Autonómica e á Policía Local de Ourense e aos colectivos veciñais “polos esforzos de coordinación entre todos, que redunda nun beneficio para a cidadanía”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tamén agradeceu ese traballo “que reverte na seguridade e no benestar de todos”. Asemade, adiantou que neste Nadal vaise por un dispositivo especial por parte da Policía Local “no que se establecerán diversos controis en materia de comercio, locais de ocio e venta ambulante nas rúas, así como delitos de carteiristas, controis de tráfico e actos vandálicos”.

Artigos relacionados

Back to top button