EconomíaEconomíaÚltima hora

“Actualiza o teu estilo” co CCA O Barco do 23 ao 25 de abril

Microdesfiles, asesoramento dunha personal shopper e obradoiros de moda na campaña de primavera
O presidente do CCA O Barco, Ángel Álvarez, na presentación da campaña.
O presidente do CCA O Barco, Ángel Álvarez, na presentación da campaña.

“Actualiza o teu estilo” é a mensaxe coa que o Centro Comercial Aberto O Barco lanza a nova campaña de primavera. Unha novidosa proposta dirixida a tódolos públicos e sectores que se desenvolverá do 23 ao 25 de abril.

Tal como explica o presidente do colectivo, Ángel Álvarez, durante os tres días permanecerá instalado na praza do Concello do Barco, un stand no que unha personal shopper realizará asesoramento personalizado a todo aquel que o desexe, impartíndose ademais unha serie de obradoiros. O xoves día 23 de abril ás 18:30h. impartirase un de estilo, trucos de moda e fondo de armario; e o día 24 tamén ás 18:30h. outro de estilo, protocolo en vodas e especial tendencias primavera/verán 2015.

A campaña inclúe ademais visitas guiadas polos comercios asociados durante os tres días e tanto o 23 coma o 24 en horario de mañá e tarde, os establecementos participantes na campaña sacarán os seus produtos á rúa mediante microdesfiles denominados “desfiles en ruta” que se celebrarán na porta de cada local, “diante colocarase unha alfombra a modo de pasarela pola que desfilarán modelos profesionais, dous mozos e dúas mozas” explica Ángel, engadindo que sortearase un look entre as persoas que durante os días da campaña compren nos establecementos asociados e depositen o ticket nunha urna instalada no stand da praza do Concello.

Aproveitando esta campaña, en colaboración co Inorde, o CCA O Barco vén de deseñar un paquete turístico con carácter informativo, denominado “turismo de compras” no que aparecen tódolos asociados así como a súa ubicación. “No tríptico que se poderá atopar nos propios establecementos tamén se fai unha reseña á mención honorífica outorgada ao CCA nos premios nacionais de comercio 2014 que recolleremos en xuño en Barcelona” explica o presidente da asociación.

Imaxe da nova páxina web do Centro Comercial Aberto O Barco.
Imaxe da nova páxina web do Centro Comercial Aberto O Barco.

A terceira novidade que o CCA presenta de cara á campaña de primavera é a nova páxina web na que os asociados poderán interactuar cos clientes xa que disporán dun espazo ao que terán acceso directo mediante unha clave, no que poderá incluír información de forma continua do seu establecemento. Tamén se renovan as fotos de cada local así como as campañas que realiza o CCA como xa vén sendo habitual.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button