ConcellosÚltima hora

Adeus a Marisa, unha aprezada profesora de Arte no Barco

María Luisa Rodríguez, casada co tamén profesor Viti Berzosa, será enterrada mañá en Liñarán (Sober), o seu pobo natal marisa

Hai máis de tres décadas que María Luisa Rodríguez Álvarez, “Marisa”, pisaba por vez primeira Valdeorras xunto co seu marido, o tamén profesor Viti Berzosa. Viña dende Barcelona, buscando un lugar intermedio entre a súa terra natal, Liñarán (Sober), e a do seu esposo, Palencia. E escollían Valdeorras dun xeito temporal, pero co tempo farían desta zona o seu fogar, e tamén o do seu único fillo.

Instalábanse na Rúa durante dous anos e despois trasladábanse ao Barco. Nesta vila Marisa impartíu clases no IES Martaguisela, exercendo ademais nalgúns cursos como directora e vicedirectora. Foron moitos os alumnos que durante case vinte anos aprenderon e desfrutaron das súas clases de Arte, unha asignatura que lle apaixoaba.

Participou asemade en diversas iniciativas culturais promovidas na comarca de Valdeorras como as Xornadas Culturais de Xagoaza. Foi asemade colaboradora anos atrás do Periódico O Sil con artigos relacionados coa arte. Xubilábase no 2003. Era unha persoa entrañable, alegre e moi cercana.

Mañá 6 de decembro a súa familia, antigos compañeiros, amigos e coñecidos daranlle o seu último adeus no seu pobo natal, Liñarán, onde será enterrada.

Artigos relacionados

Back to top button