EconomíaEconomíaÚltima hora

AGAFE pon en valor ás Feiras como dinamizadores económicos locais

A Cada euro invertido nunha feira repercute entre 5 e 7 euros na contorna na que se celebra, aseguran
Foto de grupo da xunta directiva.

A xunta directiva da Asociación Galega de Feiras e Eventos, AGAFE, reuníuse hoxe, 7 de xuño, en Expourense, con motivo do “Global Exhibitions Day” o “Día Internacional das Feiras” que se celebra precisamente hoxe. Durante esta xuntanza, AGAFE reivindicou, unha vez máis, o papel das feiras como centros de negocio e como foros de coñecemento, destacando ademais o papel das mesmas como “dinamizadores económicos do lugar no que se celebran”. Este día internacional é un acto creado pola Unión De Feiras Internacional (UFI) en 2016 e que naceu con vocación de continuidade. O lema da campaña deste ano é “Thinl Global- Act local”, pensa globalmente, actúa localmente.

Tal e como explicou o presidente de AGAFE, Alejandro Rubín, “esta día ten como obxectivo o de divulgar e dar a coñecer mundialmente tanto a organismos oficiais como a organizacións e empresas privadas, a importancia do sector feiral, a súa esencial contribución a cada economía nacional e local e o impacto económico que supón para toda a contorna onde se celebra a feira”. No seu “Modelo de Medición de Impacto Socioeconómico da actividade de feiras e eventos de Galicia”, AGAFE conclúe que cada euro investido na organización dunha feira repercute entre 5 e 7 euros na súa contorna. Trátase dun estudo elaborado polo grupo de investigación G4Plus, integrado por doutores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Este programa xa se puxo en marcha en distintas feiras celebradas recentemente e conta cun índice de fiabilidade do 95 %, cifraron.

Os organizadores feirais queren, coa celebración deste día, “lembrar aos seus propios expositores e visitantes, a institucións gobernamentais e organismos locais a contribución enriquecedora e decisiva das Feiras para a economía do país”.

A UFI estima que se celebran unhas 31.000 feiras ao ano en todo o mundo, nas que participan uns 4,4 millóns de expositores e 260 millóns de visitantes. En España o número de feiras comerciais é superior ás 600 anualmente. Calcúlase que existen uns 1.200 recintos feirais con superficies superiores aos 5.000 m2. España, con preto de 50 recintos feirais e 1,5 millóns de m2, representa un 5% da superficie cuberta dispoñible total.

Os expositores e visitantes invisten uns 98.000 millóns de euros nas feiras anualmente. Iso xera uns 680.000 empregos no sector feiral a nivel mundial (organizadores, recintos, provedores e asociacións). Ao redor de 1,8 millóns de empregos polo impacto turístico (aloxamento, viaxes, restauración, agasallos, etc.), así como importantes ingresos fiscais para a Administración.

O sector feiral en Galicia

O pasado ano 2016, Galicia celebrou máis de 250 certames dedicados a diferentes ámbitos de actividade económica da nosa comunidade: turismo, industria funeraria ou naval, gastronomía, gandería, automóbil, entre outros. Cabe destacar as 6 citas internacionais que organizaron os recintos galegos: Xantar, Termatalia e Funergal en Ourense, Semana Verde en Silleda e Conxemar e Navalia en Vigo.

Segundo datos achegados pola Asociación Española de Feiras (AFE), as visitas a feiras aumentaron un 5,7% con relación a 2015, Os expositores totais un 11,7% e a superficie neta cuberta en exposicións un 24,6%. As feiras galegas mantéñense na liña da media española, subindo lixeiramente o número de expositores e visitas. En 2016 cubríronse máis 400.000 m2 de exposición grazas aos 7.260 expositores e máis de 2.110.000 de visitas que se achegaron ata estes eventos.

Artigos relacionados

Back to top button