Concellos

As agrupacións ourensás de Protección Civil reuniranse en Castro Caldelas e Parada de Sil

Case 3.400 voluntarios da provincia daranse cita nesta xornada de convivencia prevista para o sábado día 19 de novembro
Participantes no acto de presentación desta xornada de convivencia das agrupacións de Protección Civil da provincia de Ourense.
Participantes no acto de presentación desta xornada de convivencia das agrupacións de Protección Civil da provincia de Ourense.

O vindeiro 19 de novembro desenvolverase nos concellos de Castro Caldelas e Parada do Sil unha xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense, á que están convidados a participar os case 3.400 voluntarios que integran as 69 agrupacións existentes nesta provincia.

Despois da inauguración que terá lugar no Castelo de Castro Caldelas, ao longo da xornada relatorios que tratarán sobre “A avespa velutina, o seu ciclo biolóxico e métodos de control”, ademais de talleres prácticos nos que se poderán empregar os equipos da Rede de comunicacións de emerxencias (Tetra) coa que estarán enlazadas e comunicadas tódalas forzas de seguridade e emerxencias da comunidade galega.

Tamén se fará unha exposición do material de emerxencias co que están dotados o GES de Castro Caldelas e as AVPC do interior da provincia de Ourense: remolques de emerxencias, vehículos todo terreo modelo Pick Up, así como cuñas quitaneves ou equipos excarceladores. A xornada concluirá cun xantar de confraternidade, que incluirá unha homenaxee entrega de medallas aos voluntarios de protección civil que leven mais tempo de servizo.

O programa deste evento dábase a coñecer nunha presentación celebrada na mañá do 16 de novembro en Ourense. O acto contaba coa asistencia da secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado; do xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Manuel Pardo; do xefe de servizo do servizo de Emerxencias, Jose Olivier Reboredo; e de membros da asociación provincial de AVPC, entre eles Clemente Pérez, de Manzaneda, xunto coas alcaldesas de Castro Caldelas e Parada do Sil, Sara Inés Vega e Iolanda Jácome, respectivamente.

Silvia Dorado resaltaba que coa participación nestes encontros a Xunta quere recoñecer institucionalmente á figura do voluntario pola súa implicación e dedicación e polo seu importante labor altruísta. A secretaria territorial indicou que este colectivo “é un piar básico no sistema de emerxencias e sen o seu traballo sería moi difícil manter certos operativos”.

Un dos momentos da presentación deste encontro, en Ourense.
Un dos momentos da presentación deste encontro, en Ourense.

A Xunta colabora coas agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) para que este colectivo conte cos mellores medios e traballe nas mellores condicións. Así, no que vai de ano, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior achegou máis de 775.000 euros.

Esta xornada de convivencia contará coa colaboración da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, os concello de Castro Caldelas e Parada do Sil e asociación provincial de AVPC da provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button