PolíticaÚltima hora

Alcaldes e deputados do PSdeG e BNG protestan contra o financiamento municipal “arbitrario” da Deputación

Os políticos aseguran que fai falta un plan único e critican “que se baixe o teito de partidas para obras de 55.000 euros a 48.000 euros”
Xuntanza dos alcaldes e deputados ás portas do Pazo Provincial en Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

Alcaldes de deputados provinciais do PSdeG-PSOE e BNG xuntáronse na mañá de hoxe, 25 de setembro, ás portas do Pazo Provincial, en Ourense, para protestar ante o sistema de financiamento municipal “arbitrario” da Deputación, o cal o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, cualificou de “disparate”.

Neste senso, Alfredo García asegurou que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, “vai por libre” e que non aplica as medidas “que se veñen aplicando nas outras deputacións galegas”. Os alcaldes reafírmanse na petición que trasladaran o pasado 13 de xullo de solicitar un plan único que establecese un reparto equitativo dos fondos “cos criterios establecidos na comisión de expertos da FEGAMP”. O rexedor barquense tamén criticou a baixada de partidas destinadas aos concellos da provincia: “dos 55.000 euros que de teito de axuda que se destinaban até o de agora, baixarase a 48.000 euros, cando prometera que ía subir as partidas até os 60.000 euros nesta lexislatura”, criticou García.

Por outra banda, o dirixente barquense tamén criticou que até o de agora estaba estipulado nas bases de obras e servizos que os concellos “tiñamos que achegar o 50% do financiamento dunha obra” argumentando que “así favoreciamos a que as empresas da contorna puidesen presentarse aos concursos e así poder dar dinamismo ás nosas zonas”, explicou García. Con esa achega dos 55.000 euros “podiamos facer fronte a ese 50%”, reiterou, pero agora, segundo dixo, os concellos deberán achegar o 100% “e os concellos non podemos achegar esa cantidade, polo que as obras vainas adxudicar a Deputación e dificilmente van ir a empresas das nosas zonas”, sentenciou.

Pola súa banda, o alcalde de Allariz, o nacionalista Francisco Garcia, dixo que todo isto “é inxustificable” asegurando que no financiamento da Deputación “hai concellos discriminados” pola súa cor política. García estivo acompañado polo deputado nacionalista Ramiro Rodríguez, e reiteraron que nos plenos da Deputación “vamos seguir reclamando que non haxa esta discriminación”, concluíu Francisco García.

Finalmente, o voceiro do grupo do PSdeG-PSOE na Deputación, Francisco Fraga, cualificou este modelo de financiamento como “unha perda da autonomía municipal”. Asegurou que nos orzamentos, que se debaterán o vindeiro 29 de setembro, está prevista unha partida de millón e medio de euros para os concellos “e pese as preguntas que fixemos nos dixeron que non sabían se se ían destinar a todos os concellos ou só para os escollidos”. Neste senso, asegurou que están a pensar o que farán no vindeiro pleno, no que se debaterán os orzamentos, respecto a este tema.

Texto: Carlos Asensio.

Máis información sobre as protestas do pasado 13 de xullo na seguinte ligazón:

Alcaldes e deputados provinciais de todas as cores políticas menos o PP piden “un reparto máis xusto” nos orzamentos da Deputación

Artigos relacionados

Back to top button