En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A ameaza da velutina e as medidas a tomar, nunha charla na Rúa

Era impartida por Lolo Andrade, técnico de Protección Civil de Cambre, na tarde do 18 de novembro a iniciativa da Asociación Valdeorresa de Apicultores

Como é a velutina en comparación con outras especies, o seu ciclo, como se expande e actúa e como se lle pode facer fronte nestes momentos. Son algunhas das cuestións que abordaba Lolo Andrade, técnico de Protección Civil de Cambre (A Coruña), na tarde do 18 de novembro no Centro Cultural Avenida na Rúa. Impartía a charla “Medidas para unha loita máis eficaz contra a Vespa Velutina”, promovida dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores.

Malia que xa se ten detectado a presenza desta especie invasora no oriente ourensán, polo de agora son casos puntuais, tal e como sinalaba o presidente os apicultores valdeorreses, Armando Roríguez. Sen embargo, a súa ameaza para o sector apícola e froitícola é moi real e inminente, tendo en conta o que está sucedendo noutras partes de Galicia.

“Esta avespa vai chegar, por iso debedes irvos preparando para saber actuar”, asegura Andrade, que explicaba pormenorizadamente e con diverso material como se lle pode facer fronte, segundo os casos, a este insecto. Tamén destacaba a importancia de saber distinguila fronte a outras especies de avespa autóctonas que son depredadoras naturais da velutina, como é o caso da avespa crabro. Ademais respondía ás numerosas e variadas preguntas dos asistentes, boa parte deles apicultores e incidía na importancia da concienciación da poboación ante este problema a través de charlas e divulgación.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button