Galerías de fotosPolítica

Ana Pontón reclama en Valdeorras axudas directas para os sectores danados polas xeadas

A voceira nacional do BNG reuníase coa alcaldesa da Rúa e pola tarde manterá unha xuntanza con viticultores da comarca e un encontro cos veciños no Barco

Na Rúa comezaba a visita que está a realizar na xornada do 15 de xuño a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada pola deputada ourensá Noa Presas, á comarca de Valdeorras. A mediodía reuníase con membros do goberno rues e coa súa alcaldesa, a nacionalista María Albert, que o vindeiro 20 de xuño renunciará á alcaldía, tras o acordo de goberno acadado ao principio da lexislatura co PSdeG-PSOE. De seguido, desprazábanse ata a área recreativa do Aguillón.

“Esta visita é case para despedir estes dous anos de goberno municipal, veñen a tratar temas que nos interesan moito a toda a xente de Valdeorras”, sinalaba María González, “no Aguillón temos unha boa panorámica de cal é o estado no que está. Entendemos que é unha riqueza que temos e que non está a ser aproveitada, é unha reivindicación que levamos facendo nestes dous anos e na que hai que incidir. E outra cuestión da que levamos falando moito, sobre todo durante as últimas semanas, é a escaseza de auga. Creo que dende Compostela o BNG tamén pode facer moitas cousas neste senso”.

Pola súa banda, Ana Pontón, aseguraba que “é importante vir a certificar o que supuxeron estes dous anos da nosa alcaldesa, creo que podemos dicir que significou un antes e un despois, que se lle deu unha volta a este concello, que se empezou a abrilo para que fora transparente, que todo o mundo soubese que na alcaldesa tiña unha man tendida para traballar e sobre todo que se cambiaron as prioridades para que haxa actividade cultural, preocupación pola infancia, preocupación tamén polo que pasa no medio rural”.

Asemade referíase de maneira concreta á situación do ámbito vitivinícola, tendo en conta ademais que pola tarde manterá unha xuntanza con representantes deste sector. “O do viño é un sector estratéxico, que crea moito emprego e riqueza, e parécenos un escándalo que a Consellería do Medio Rural non sexa capaz de ter sensibilidade ante unhas perdas tan importantes, e especialmente para toda esta comarca, cun 60% de viñedos afectados polas xeadas, con perdas superiores a 3 millóns de euros e o que non pode ser é que a única resposta que teña a Xunta de Galiza sexa faltarlle ao respecto aos viticultores e case culpabilizándoos con esas declaracións de que o que era asegurable non era subvencionable. Temos antecedentes de como en Galiza e noutras partes do Estado cando hai perdas por cuestións climatolóxicas, os gobernos se poñen do lado dos viticultores”.

Pontón explicaba que o BNG vai solicitar no Parlamento de Galicia que se poñan en marcha axudas directas para o sector do viño, pero tamén para outros afectados como o do castiñeiro ou o mel, e “que se acabe coa avaliación de todos os danos, todo o seguemento, pero que realmente ten que haber un compromiso para que esas perdas sexan paliadas e que haxa axudas públicas como houbo noutras ocasións e como parece que hai en todas partes, menos aquí”.

Adiantaba ademais que ás oito da tarde manterá un encontro coa cidadanía do Barco no que se tratarán algunhas das propostas que plantexa do BNG neste momento, algunhas para temas locais como a necesidade de dotar dun pavillón ao CEIP Julio Gurriarán ou de mellorar as infraestruturas e o transporte público na comarca. “Ademais abordaremos un tema moi importante para Galiza e para a provincia de Ourense, como é a aberración de que sexamos grandes produtores de electricidade e de que non teñamos absolutamente ningún beneficio, agora xa non é que non vaiamos a ter beneficios, é que por riba imos ter prexuízos porque se está preparando un decreto que lle vai subir a luz a todos os galegos”, resaltaba a voceira nacional do BNG.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button