OurenseÚltima hora

Antonio López recibe o Premio “Aurelio Carracedo”

Vén de ser distinguido polo seu traballo de investigación “La madre de todas las vacunas”

O Premio “Aurelio Carracedo”, que outorga a Deputación de Ourense, recaía nesta edición no xornalista coruñés Antonio Alfredo López Mariño (Arzúa, 1951). Recibíao no mediodía do 3 de maio no salón de plenos deste organismo provincial. Con el recoñecíase o seu traballo de investigación “La madre de todas las vacunas”, referido á figura de Isabel Zendal, a muller que participou na primeira campaña mundial de vacinación.

López Mariño agradecía á Deputación “a súa aposta polo xornalismo” e aseguraba que é unha honra “recibir un premio que leva o nome dun admirado xornalista no país de mestres universais da literatura, como Valle-Inclán, Torrente Ballester e Alvaro Cunquiero, e do xornalismo, como Cunqueiro, Julio Camba, Wenceslao Fernández Florez e Xosé Aurelio Carracedo, onde a calidade da escrita é moito máis que segura”.

Esta data, sinalaba no acto de entrega o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “é a elixida para seguir a lembrar a Xosé Aurelio Carracedo, un exemplo de xornalista vocacional, mestre de moitos e cunha pegada imborrable na nosa historia”. Asemade referíase a Chesterton, Pulitzer, Camus e Kaspuscinski ademais de destacar “o meu máximo recoñecemento ao labor xornalístico e a miña loubanza ao cumprimento polos profesionais das normas deontolóxicas, esas que sitúan como verbo clave o de “contrastar” “.

Baltar felicitaba ao galardoado, Antonio López, “polo seu magnífico traballo no que reivindica a figura de Isabel Zendal Gómez, catalogando a participación de Galicia na Expedición Filantrópica como a mellor e máis trascendental achega de Galicia á historia da humanidade”.

Neste acto contábase coa presenza do sobriño e afillado de Carracedo, Miguel Jiménez Carracedo.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button