CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Ao contaxioso ritmo dos Cantos de Taberna por Trives

Dez grupos percorrían nesta oitava edición unha ducia de establecementos de hostalaría da vila nun animado ambiente

A música envolvía na tarde e noite do 25 de novembro Trives. As rúas e os establecementos de hostalaría da vila acollían os VIII Cantos de Taberna, unha iniciativa que promoven a Asociación Cultural A Caniceira e As Macizas Centrais. Nesta edición participaban dez grupos: As Skachacunchas, Son do Bibei, Macizas Centrais, Os Relamidos, Paus an Fouces, Os Trabazos, Rondalla Esmorga, Nova Era, Os Palletas, San Nordés.

Ás cinco da tarde saían da praza do Reloxo para, de seguido, iniciar un longo percorrido musical por unha ducia de locais: Boliche, O Cafeto, Troula, Sky, O Bodegón, Cantina do Catro, Manolo’s, San Martín, Paíño, Casanova, Quintela e O Lar de Alicia.

Cada un levaba un guía da organización que se encargaba de marcarlles o percorrido evitando así concidir con outros grupos. En medio dun ambiente alegre e festivo, numerosas persoas seguían os cantos nos bares mentres ceaban ou tomaban algo, botando algún que outro baile.

Os grupos volvían xuntarse en torno ás once da noite na praza do Pilón. Alí os membros da organización entregaban os diplomas ás formacións musicais. E, como novidade, tiña lugar un sorteo entre os guías dos grupos. A afortunada era Beinha, que se levaba un xogo de toallas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button