Entrevistas

“Apostamos por un turismo sostible”

Montserrat Rodríguez preside a Asociación Empresarial de Turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca (ATREMAN), un “ilusionante proxecto” que une ás comarcas de Valdeorras e Terra de Trives co fin de converterse nun “verdadeiro destino turístico”
A presidenta da Asociación Empresarial de Turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca, Montserrat Rodríguez./ Foto: Carlos G. Hervella.
A presidenta da Asociación Empresarial de Turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca, Montserrat Rodríguez./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras a súa presentación pública a finais de xuño, a Asociación Empresarial de Turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca (ATREMAN, que preside a barquense Montserrat Rodríguez, ten previsto reunirse nas vindeiras semanas con representantes das administracións provincial e autonómica para presentarlles o seu proxecto e pedir a creación “o antes posible” dun ente que permita desenvolver este Xeodestino Manzaneda-Trevinca. Ademais están traballando para crear unha páxina web, que contará cunha central de reservas, e para ter presenza nas redes sociais.

A presidenta de ATREMAN está convencida do potencial turístico destas comarcas e do valor do turismo para diversificar a súa economía, que hoxe depende en gran medida do sector da lousa.

ATREMAN é a primeira asociación de carácter turístico que une a Valdeorras e a Terra de Trives, pero anteriormente xa houbera colaboracións entre ambas zonas…
Si, xa existira un primeiro contacto hai uns dez anos entre AEVA, a Asociación de Empresarios de Hostalaría de Trives e a Asociación de Hostalaría e Turismo de Trevinca (Trevihost). Xuntámonos para impulsar a nivel turístico a Via Nova romana. Daquela logramos financiación da Xunta, creouse unha páxina web, publicouse unha guía, acudimos á Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) de Valladolid, etc. Dende entón non volvimos colaborar… ata agora.

¿Como xurde ATREMAN?

Pola inquendanza de varios empresarios de hostalaría. En case todos os xeodestinos (a nova organización territorial do turismo galego que a Xunta creaba no 2011), hai asociacións deste tipo, empezando pola Ribeira Sacra, que un dos referentes de Galicia. Entón nós viamos que os outros xeodestinos estábanse dotando de entes xestores e que agora mesmo están nunha fase máis avanzada que a nosa. De feito, xa teñen formado un consorcio coas asociacións de empresarios de hostalaría. Nós cremos que, xa que está creado o Xeodestino Manzaneda-Trevinca, temos que tirar por el, hai que lanzalo porque está empezando a vir financiación de Europa e non queremos que se nos escape este tren, para poder canalizar ese diñeiro e conseguir por fin que arranque a industria do turismo no oriente ourensán. Non podemos esquecer que o turismo é unha industria, e ademais é a primeira de España.

Na presentación de ATREMAN a finais de xuño pedíase a colaboración das administracións, ¿xa se se reuniron con elas?
En breve pediremos unha reunión co Inorde para saber cómo se pode encauzar este xeodetino. Non sei se será posible en agosto. O que imos esixir é que se poña en marcha o máis rápido posible unha entidade que permita desenvolvelo e impulsalo.

¿Reuniranse tamén coa Administración galega?

Si. Ademais a nosa idea é solicitar a inclusión no Cluster de Turismo de Galicia, que é o ente que na actualidade aglutina a todas as asociacióins fortes de turismo e de hostalaría. En Valdeorras e Terra de Trives estámonos sentindo un pouco desprazados en Santiago e queremos que conten con nós porque as comarcas trivesa e valdeorresa tamén existimos.

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de agosto do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button