CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Aprendendo a tocar a gaita no colexio de O Bolo

Da man da Deputación e do Concello, os cativos do colexio bolés terán clases de música galega os mércores pola tarde

Igual que sucedeu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), O Bolo contará dende o 19 de abril cunha escola de gaitas. Así anunciaban na tarde do 20 de marzo, o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo; e o alcalde de O Bolo, Manuel Corzo. Diante de alumnos e profesores, Foxo explicou que os mércores pola tarde virá un profesor de gaita da Deputación para dar clases no colexio. “Será o xerme para formar unha futura banda de gaitas que leve o nome do Bolo polo mundo”, asegurou, engadindo que os cativos (de 6 a 12 anos) aprenderán a tocar a gaita e tamén a música galega, ao tempo que tocaba algunhas pezas diante dos pequenos que atendían con entusiasmo. Ademais das do colexio, os sábados en torno ás oito da tarde tamén haberá clases de gaita nas escolas de Chandoiro.

Despois de falar cos cativos (segundo o director do centro, Emilio González, todo están interesados), Foxo e Corzo tiñan previsto visitar o Castelo, o escenario no que se celebrará este ano a segunda xornada da Xuntanza Internacional de Gaiteiros. “O 10 de xuño celebrarase no Castelo de Monterrei, un encontro declarado de Interese Turístico de Galicia, e ao día seguinte 11 de xuño, será no Castelo do Bolo”, dixo Xosé Lois adiantando que se trata dun evento importane para a comarca porque “virán algúns dos mellores músicos do mundo (de Irán, Italia, Alemania, Galicia,…) de música étnica, e este ano estará adicado a Armenia”.

Ademais, entre o medio cento de músicos que se espera, tamén estarán os membros da Real Banda e cantores do municipio de O Bolo. “En pobos como Celavente ou Lentellais hai xente que canta moi ben os cantares da sega”, dixo o gaiteiro, explicando que coñeceu o municipio precisamente cando recollía cantigas, pensando dende ese momento en achegar a posibilidade de aprender música galega no rural, non só na capital. Algo que agora tamén é posible no Bolo, grazas á colaboración do Concello e máis concretamente do alcalde que lle deu as grazas a Foxo pola “atención e delicadeza que tivo con este municipio”.

Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button