En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Araceli Fernández, elixida nova presidenta de AEVA

Na asemblea celebrada na tarde do 25 de maio no Barco tamén se renovaba a xunta directiva da entidade, co respaldo unánime dos empresarios asistentes

“Nun mundo globalizado, onde unha comarca representa un pequeno punto no seu mapa, a única voz que pode chegar a escoitarse é a que nace da unión da xente cando se asocia. A Asociación Empresarial de Valdeorras dende a súa constitución en 1990 ten representado e representa a voz de Valdeorras. Son xa 27 anos estudando as nosas fortalezas, as nosas oportunidades, debilidades e ameazas. E traballando moito co fin de potenciar as dúas primeiras e de eliminar no posible as segundas”. Araceli Fernández del Palacio manifestábase deste xeito minutos despois de ser elixida nova presidenta de AEVA, na asemblea celebrada na tarde do 25 de maio na Casa do Río Cigüeño do Barco.

Encabezaba a única candidatura presentada ás eleccións nesta organización empresarial, que saía adiante co apoio unánime dos empresarios asistentes á asemblea extraordinaria. Do equipo directivo forman parte ademais catro vicepresidentes (Santiago Melo Moreno, María Carmen Rodríguez, Javier Rodríguez e Carlos Manuel Terán), o secretario, Severino González; e nove vogais. Tamén se nomeaban como vogais de honra a Felipe Rodríguez e Consuelo Vega. Na súa intervención, Araceli Fernández agradecía “no meu propio nome, no das xuntas directivas saínte e entrante, e no de todos os empresarios da comarca” o labor realizado polo presidente saínte, Javier Rodríguez.

Antes da asemblea extraordinaria, tiña lugar outra ordinaria na que aprobaban as contas do 2016 e o orzamento para o 2017, ademais das solicitudes de afiliación e a memoria de actividades. Nela, Javier Rodríguez facía un repaso das xestións e accións levadas a cabo ao longo do pasado ano por parte da asociación en eidos como o das infraestruturas ou a creación de emprego. A reunión concluía cunha homenaxe ás empresas que cumpren vinte anos na asociación. Eran un total de seis, das cales a metade estaban presentes no acto: Confecciones Maribel, Asesoría Laboral María Pastora González e Xoieiría Víctor. Despois os asistentes compartían uns viños e uns petiscos.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button