EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Arranca a II Baco Festa da Rúa

Este certame, que aúna a historia co viño e a gastronomía, celebrarase no Aguillón ata o 16 de agosto

En plena Via Nova romana. Sobre a ponte da Cigarrosa, entre os concellos de Petín e A Rúa, arrancaba a II Baco Festa na tarde do 14 de agosto. O acto inaugural comezaba coa chegada en barca do alcalde de Petín, Miguel Bautista, que, tras alcanzar á beira do río Sil, achegábase ata a ponte, onde o agardaba a alcaldesa da Rúa, María González, rodeada por multitude de persoas ataviadas coa indumentaria propia da época romana. Xuntos, procedían a inaugurar esta feira histórica de contido cultural, gastronómico e enolóxico que se desenvolverá ata o 16 de agosto na área recreativa do Aguillón rues.

De seguido, a comitiva, encabezada pola banda da agrupación Abertal, dirixíase a pé ata o recinto feiral para facer un percorrido polos diferentes stands. A mostra reúne a unha ducia de adegas amparadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, cuxos viños poderán catarse ao longo desta Baco Festa.

No recinto tamén están instalados unha serie de postos de artesanía e de degustación gastronómica. O programa de actos inclúe diversas propostas musicais e de danza, como as xornadas de folclore que tiñan lugar na noite do 14 de agosto nas proximidades do recinto feiral. O programa continuará os días 15 e 16 de agosto con actos como un concurso de disfraces, concertos, xogos e contacontos.

Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Back to top button