OurenseÚltima hora

Arrinca o Congreso do PEN Internacional en Ourense

Uns 200 profesionais do mundo das letras farán da cidade a capital da literatura dende hoxe até o vindeiro domingo

O Teatro Principal de Ourense acolleu esta noite a inauguración da 82 edición do Congreso do PEN Internacional co espectáculo “Ourense literario”, do escritor local Bieito Iglesias e a compañía de teatro A Panadaría. Con este evento, a cidade convértese, dende hoxe e até o vindeiro domingo, na capital mundial da literatura, coa participación duns 200 escritores e demais expertos relacionados co ámbito das letras. O acto inaugural contou coa presenza de representantes das administracións da provincia, como o presidente da Deputación, Manuel Baltar, ou o alcalde da cidade, Jesús Vázquez. Tamén estiveron presentes a ex delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, o ex presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e o subdelegado do goberno en Ourense, Roberto Castro.

O congreso arrinca baixo o título “Erguendo pontes literarias”. Trátase da segunda vez que se fai en Galicia, tras a edición celebrada en 1993 en Santiago de Compostela. Baltar sinalou neste contexto que a función da literatura galega escenifícase como “ponte, como vínculo entre as literaturas hispánicas, hispanoamericanas, e as da lusofonía, Portugal, Brasil e países africanos de lingua portuguesa”. O discurso do presidente provincial tamén tivo partes dirixidas ao público internacional e pronunciou parte del en inglés.

Tamén interviu o alcalde, Jesús Vázquez, que agradeceu a presencia aos participantes en Ourense, “onde se celebrará durante esta semana a grande festa das letras e onde nos enchouparemos de literatura coa vosa presenza”. O presidente do PEN club de Galicia, Luís Tosar, lembrou a historia da entidade que lidera, nacida hai 27 anos e que o primeiro presidente foi o ourensán Alfredo Conde. Logo, destacou que a lingua e a literatura propia de Galicia “son a base fundamental da nosa identidade”. Outra das protagonistas foi así mesmo a presidenta do PEN Internacional, Jennifer Clement.

No evento de inauguración tamén participou a Real Banda de Gaitas da Deputación, que interpretou, entre outras pezas, o Himno de Galicia ante a atenta mirada das autoridades e dos escritores participantes. Foi a agrupación musical a encargada de acompañalas até a mesma entrada do Teatro Principal, onde tivo lugar posteriormente a obra de teatro inaugural.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button