CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

As casas niño da Gudiña e de Monterrei, visitadas pola directora xeral de Familia

A directora xeral de Familia, na casa niño da Gudiña acompañada polo alcalde deste municipio.

Primeiro na Gudiña e despois en Monterrei. A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, visitaba na mañá do 3 de outubro as casas niño destes dous municipios ourensáns. As casas niño son “recursos de conciliación gratuítos para as familias que residen nestes concellos onde se ocupan da atención de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos de idade”, segundo a Consellería de Política Social.

Na actualidade están en servizo 30 equipamentos destas características distribuídos por toda a xeografía galega e está en marcha unha segunda convocatoria de axudas para a apertura doutras 30 casas niño ao longo deste ano e o que vén.

Amparo González sinalou que o obxectivo de lexislatura é que todos os concellos rurais de Galicia de menos de 5.000 habitantes dispoñan dalgún recurso de conciliación. Neste sentido, apuntou que a Administración autonómica está en proceso de resolución das solicitudes presentadas á nova orde de axudas para posta en marcha de casas niño. A estas achegas destinase un orzamento de 2,4 millóns de euros, distribuído en catro anualidades e financiado en parte polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

 

Imaxe da visita realizada á casa niño de Monterrei.

Artigos relacionados

Back to top button