ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

As chamas cercan o parque natural do Xurés

Nestes momentos rexistránse tres lumes nesta zona ourensá, dos cales dous están activos e un controlado

Ata tres incendios se rexistran nestes momentos en Lobios, afectando á superficie do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Así permanece activo o incendio que comezou o domingo (8 de outubro) pola noite no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, e que afecta, segundo estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural, unha superficie de arredor de 300 hectáreas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. No lugar levan traballado 10 axentes, 13 brigadas,11 motobombas, 4 avións e 5 helicópteros. Tamén participan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Hai ademais un segundo lume activo nesta mesma zona desde as 23:41 h. do domingo outro lume no concello de Lobios, na mesma parroquia de Río Caldo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 90 hectáreas, tamén dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Os medios que levan traballado alí son 11 axentes, 41 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 2 avións.

Por outra banda, segue controlado dende as 20:10h. do pasado martes o outro lume rexistrado no concello ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, e que afecta ao parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. O incendio comezou ás 20,07 h. do luns 2 de outubro e, segundo as últimas estimacións, acadou unha superficie de arredor de 51 hectáreas. No control deste lume levan traballado 22 axentes, 73 brigadas, 25 motobombas, 3 pas, 9 helicópteros e 2 avións.

Tamén continúa controlado dende as 20:15 h. de onte o incendio de Vilariño de Conso, parroquia de Chaguazoso, que se iniciaba o pasado venres ás 22:35 h. Segundo as últimas estimacións afecta 65,12 hectáreas de monte raso. Para a súa extinción mobilizáronse 11 axentes, 38 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 1 avión.

Artigos relacionados

Back to top button