En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As Xornadas do Porco Celta de Manzaneda cumpren dez anos

A iniciativa a prol da recuperación da raza autóctona desenvólvese ao longo da fin de semana do 4 e 5 de novembro

Hai uns quince anos, un grupo de amigos e veciños de Manzaneda (Juan Hervella, Abel Levices, Fermín Santoveña, Maxi Hervella e Julio Caneda), apostaron pola raza de porco autóctona poñendo en marcha unha explotación de Porco Celta. Cinco anos máis tarde decidían compartir a súa experiencia co resto da poboación e así, como quen non quere a cousa, nacían as Xornadas Gastronómicas e de Recuperación do Porco Celta que este ano celebran o X aniversario.

Unha matanza tradicional, mostra de artesanía e produtos gastronómicos, música, sorteos, xantar e mesmo un concurso de cociña, son as diferentes actividades que engloba esta iniciativa que se celebra esta fin de semana en Manzaneda.

O programa arrancaba na mañá do 4 de novembro coa inauguración a cargo do presidente da Asociación Cultural Porco Celta, Juan Hervella e do alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez e, de seguido, tiña lugar a degustación da “parva” e a matanza tradicional. Dende o sacrificio (levado a cabo por Manolo) ata o despiece, pasando polo pelado e o lavado, os membros da asociación procederon ao traballo no exterior do pavillón polideportivo municipal, mentres no interior permanecía aberta a mostra de artesanía e gastronomía cunha decena de expositores, entre eles un de xoguetes tradicionais de libre creación para desfrute do público e outro de madeira, con exhibición a cargo dun artesán da Veiga.

O xantar cun menú a base de cocido (con carne de Porco Celta) pódese degustar tanto o sábado como o domingo, no restaurante O Pendón e na cafetería Nevada (prezo: 25 euros) e no pavillón hai ademais unha actuación musical a cargo de Ce Orquestra Pantasma (o sábado pola tarde e o domingo pola mañá). O domingo tamén se celebrará unha nova edición do concurso de cociña no que os participantes deberán elaborar un prato con “segredo de porco” como ingrediente principal, así como o sorteo do porco que foi sacrificado hoxe: un exemplar de 14 meses criado en Manzaneda. Trátase dunha explotación familiar de cinco cabezas (catro femias e un macho), que forma parte de Asoporcel, Asociación de criadores de gando celta, que sempre colabora coas xornadas, por iso ata Manzaneda se desprazaron membros da entidade, entre eles o director técnico da raza Porco Celta, Iván Rodríguez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button