DeportesÚltima hora

Aventura, exploración e montaña a través da XIX Semana Audiovisual do Club Alpino Ourensán

Este conxunto de proxeccións, que se desenvolverán do 28 de novembro ao 1 de decembro en Ourense, están enmarcadas no Outono Fotográfico

 

 

Do 28 de novembro ao 1 de decembro (ás 20:30h.) o Auditorio Municipal de Ourense acollerá a XIX Semana Audiovisual do Club Alpino Ourensán. O programa desta edición, que se enmarca novamente no Outono Fotográfico, inclúe catro proxeccións nas que se incide na montaña, na aventura e na exploración. “Un ano máis teremos a posibilidade de gozar de emocionantes aventuras contadas polos seus protagonistas”, destacan dende a organización.

Este ciclo de proxeccións abrirase o 28 de novembro con “Expedición ourensá Alto Atlas 88. Trinta anos na memoria” e será recordada por varios dos seus protagonistas. Despois dun intenso período de actividade montañeira na península ibérica e en Europa, o club cruzaba “unha nova fronteira nos grandes cumios do continente africano”, explican dende o Alpino Ourensán.

Ao día seguinte, Carmela Conde e Enrique Soto presentarán en Ourense “Trekking e Kaiak polo Parque Natural Torres del Paine”. Na súa intervención relatarán a súa experiencia en América do Sur nun percorrido realizado entre os meses de novembro e decembro. Foi unha viaxe de navegación en kaiak por Chepu, Parque Nacional de Chiloé e o trekking de “La W” nas Torres do Paine, que “constituíu o comezo da gran travesía en kaiak polo río Serrano, río Tindal e o Fiordo, Seo e Estero Última Esperanza”, segundo os organizadores das xornadas.

Tamén nesta parte do planeta se centrará a proxección do 30 de novembro, titulada “Mochileando América do Sur”. Nesta sesión Raquel Novoa contará a aventura dunha viaxe mochileira de cinco meses na que foi dende Centroamérica ata a rexión máis austral do mundo, a Patagonia. No seu decurso mergulláronse, fixeron ascensións a montañas de máis de 5.000 m, descenderon barrancos e realizaron travesías andinas de varios días de duración.

O programa completarase o 1 de decembro con “Incógnita Patagonia”, a cargo de Eñaut Izaguirre. Trátase dun proxecto que “aúna exploración, alpinismo e cartografía glaciar”, segundo o Club Alpino Ourensán que nesta XIX Semana Audiovisual contará de novo co patrocinio da Fundación Florencio Álvarez e María Teresa Esteban.

Artigos relacionados

Back to top button