Monográfico Entroido 2012Monográficos

Baixo as leis do Boteiro

Uns vinte folións tomarán Viana o Domingo de Entroido
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Coas primeiras saídas do folión nas noites de xaneiro comezaba a espertarse o espírito do Entroido vianés. O seu ritmo telúrico de bombos, aixadas e sachos esténtese xa pola vila e por diferentes pobos do concello, neste caso da man da Asociación Folións Rurais de Viana do Bolo.

“Dende mediados de xaneiro estamos indo a tocar xoves, venres e sábado ás aldeas”, explica Jorge Domínguez, presidente da asociación, que agrupa a boa parte dos folións vianeses. Quedan as oito da tarde no Toural e dende alí parten rumbo aos pobos. Xa visitaron Bembibre, Caldesiños, Fornelos de Coba, O Tameirón (A Gudiña)… “A idea é rondalos todos ata o venres día 17, no que pararemos”, aclara.

Aínda así será a partir da primeira semana de febreiro, coincidindo do Xoves de Compadres (día 9) cando o Entroido abrollará con máis forza. Ese día comezarán as fariñadas e os homes elaborarán a lardeira, unha boneca de vestida de muller que logo pendurarán dun alto mastro na Praza Maior e sairán de cea.

Unha semana despois, o Xoves de Comadres (16 de febreiro) serán as mulleres as que tomarán as rendas da festa enfariñando aos homes, saíndo cun folión feminino (no que participarán as integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Bibei cunha comparsa de 54 disfrazadas) e organizando multitude de ceas. Ademais prepararán o lardeiro, que logo pendurarán ao carón da súa compañeira feminina. Ambos presidirán os actos do Entroido vianés, ata o Martes de Entrudio, no que a media noite serán queimados tras a gran fulionada.

Entre as datas de referencia da festa destaca o Domingo Gordo, 19 de febreiro, no que folións e boteiros se convertirán en donos e señores dunha vila que tamén se rendirá aos engados da androlla. Esta xornada principiará ás once e media da mañá coa recepción de autoridades no salón de actos do Concello de Viana. De seguido, procederase a entrega da insignia de ouro da Androlla, coa que o Concello premia dende o 2004 o labor de persoas ou entidades a prol da promoción desta festa e do municipio.

Ata o pasado ano o costume era entregar ao redor de catro insignias cada Entroido, pero a partir de agora outorgarase unha en cada edición. Desta volta o galardón será, a título póstumo, para Santiago García Fernández, responsable de Embutidos e Salazones García Marcos ata o seu falecemento, o pasado verán.

Deste xeito pretende recoñecerse a súa aposta empresarial por un produto que na actualidade é o principal emblema gastronómico do Entroido e das terras vianesas. A súa empresa é ademais a que cada ano suministra os deliciosos embutidos que poden degustarse na festa da Androlla.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Entroido de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button