O Barco golea ao Barbadás en Calabagueiros

6-0 vencían os locais no derbi provincial de 3ª división disputado na tarde do 12 de outubro

Con catro equipos ourensáns en terceira división, son moitos os derbis dos que poden desfrutar este ano os afeccionados. Un deles, o C.D. Barco-U.D. Barbadás disputado na tarde do 12 de outubro cunha gran entrada no campo municipal de Calabagueiros, estivo marcado polos goles locais e tamén polas medidas de seguridade despregadas na zona, con rigurosos controis da Garda Civil (fortemente armada) na entrada ao campo de fútbol, ante a ameaza de bomba sufrida nos partidos de 3ª división de toda España.

Afortunadamente non houbo bomba no campo do Barco de Valdeorras e os afeccionados asistiron a un gran partido no que o conxunto vermello conseguía un resultado histórico: 6-0.

Despois do minuto de silencio polo falecemento da nai de Castro (membro do club barquense), Rubén García abría o marcador para os do Barco ao transformar un penalti xa no minuto 1 do encontro, un gol que marcaría o devir do derbi. No minuto 20 Ivi Vales marcaba o segundo tanto local tras un pase de David, que sería o encargado de marcar o terceiro na media hora de partido. Tras anular un gol a Deivis por fóra de xogo, o colexiado pitaba o final da primeira parte co 3-0 no marcador.

Tralo paso polo vestiario, o Barco seguía despregado e no minuto 48 David facía dobrete, marcando o seu segundo tanto da tarde (o cuarto para o C.D. Barco). No tramo final do partido os xogadores do Barbadás (que xogaban coa equipación negra) intensificaron o xogo logrando un par de oportunidades que a defensa e o porteiro vermello acababan desbaratando. Pola contra eran os locais os que seguían aumentando a diferenza cos goles de Iván Argos no minuto 81 e de Ivi Vales no 82. Xa no tempo de desconto o colexiado anulaba o gol a Argos por fóra de xogo.

Con esta gran vitoria, os de Javi Rey, ovacionados polo público, sitúanse no cuarto posto da clasificación con 18 puntos. A U.D. Barbadás que adestra Moisés Pereiro, pola contra, mantense nos postos de descenso, só por riba do Noia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies