O Barco lembra a Jesús Carrera co partido entre Tres Cuñados FS e Santiago Futsal

O conxunto santiagués de división de honra ganou o partido en memoria de Jess disputado en Calabagueiros

A memoria de Jesús Carrera (o xove deportista falecido hai oito meses) está máis viva que nunca. Así se demostrou, unha vez máis, no partido celebrado na tarde do 9 de setembro no pavillón de Calabagueiros, onde pasadas as sete e media da tarde comezaba o I Memorial Jess Carrera, cos equipos do Pizarras Tres Cuñados FS e Santiago Futsal sobre o parqué.

En honra ao obxectivo final do encontro que non era outro que lembrar a Jesús, antes de que o colexiado pitase o comezo do partido, o capitán do Santiago Futsal (equipo de división de honra) entregaba ao capitán valdeorrés, Bruno (irmán do falecido), a camiseta do seu equipo co nº 3, o mesmo co que xogaba Jesús. No apartado deportivo, os santiagueses acabarían dominando o encontro e malia que os de Xocas pelexaron con uñas e dentes o final chegaba co 1-4 no luminoso. O único tanto local foi de Bruno.

Sen dúbida foi un partido de luxo o que puderon ver os numerosos asistentes que enchían as bancadas. Entre eles estaban varios representantes da Federación Galega de Fútbol co presidente, Rafael Louzán á cabeza, quenes no descanso do partido, rendían a súa particular homenaxe a Jesús. Acompañados polo alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García e polo concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, Louzán entregáballe á familia un ramo de flores, unha camiseta da federación galega e un talón por importe de 12.000 euros “como a indemnización que corresponde nun caso como este xa que o falecemento tiña lugar de viaxe á celebración dun partido”, explicou o propio presidente da federación puntualizando que “ningunha vida ten prezo”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies