Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Barquero expón os eixos do programa socialista ás municipais en Ourense

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía da cidade estivo acompañado nesta presentación por Pilar Cancela e por membros da súa candidatura

“Xa temos o traballo feito, xa temos a nosa folla de ruta marcada”, aseguraba na tarde do 31 de marzo a secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, xunto ao candidato á alcaldía ourensá, José Ángel Vázquez Barquero, no acto de presentación das liñas básicas do programa socialista para as vindeiras eleccións municipais.

“Para nós o ámbito dos concellos”, engadía, “foi sempre o noso código xenético, somos un partido esencialmente municipalista, consideramos ademais que o traballo que fan os compañeiros nos concellos actúa como un verdadeiro dique de contención, como a primeira barreira de defensa que ten a xente diante destas políticas esnaquizadoras da dereita”.

De seguido, Vázquez Barquero expoñía as liñas centrais deste programa, que se presenta co lema “Ser socialista é facer”. Estruturábaas en catro piares principais: “en primeiro lugar a democracia e o bo goberno local; en segundo termos, as cidades habitables, dinámicas e sustentables; tamén as políticas integrais de benestar para a cidadanía, e, finalmente, a aposta polo mundo rural”. Barquero incidía asemade en que “impulsaremos concellos abertos e gobernos transparentes, e organizaremos a nosa xestión, situando á cidadanía no centro da nosa acción política”.

Ao mesmo tempo, adiantaba que “impulsaremos a rehabilitación como prioridade e a recuperación integral dos barrios, sexa nas zonas urbanas ou no perímetro rural, apostaremos por cidades máis dinámicas e máis emprendedoras”. E ademais “desenvolveremos políticas integrais de benestar, políticas onde a cultura se vexa tanto como unha oportunidade e como un dereito” e, tendo “a educación, como un motor para a igualdade de oportunidades”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button