EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

As barricas convértense en lenzos en Sober

Arranca o I Concurso de Decoración de Barricas, con doce participantes

Os arredores da praza do Concello de Sober están sendo escenario do I Concurso de Decoración de Barricas, actividade incluída no programa da XXXVI Feira do Viño de Amandi. Neste certame están a participar doce persoas. A súa selección fíxose por estrita orde de inscrición, aberta ata o día 10 de marzo.

O Concello de Sober pon a disposición dos anotados os materiais e a barrica sobre a que elaborar os seus deseños que, de xeito obrigatorio, deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no patrimonio e a cultura deste municipio lucense e da Ribeira Sacra.

A técnica de decoración é libre, aínda que o Concello de Sober pide que sexan traballos orixinais. Todos os inscritos foron chamados a semana antes da feira para que fagan os seus traballos na propia localidade e poden intervir ata en 3 barricas. “Converteremos o noso concello nun espazo para a creación artística a semana previa á feira”, explica o rexedor de Sober, Luis Fernández Guitián.

Os concursantes recibirán como agasallo un diploma acreditativo de ter participado no certame, así como un lote de botellas de viño de Amandi. Haberá dous gañadores, un deles recibirá 300 euros e o segundo, 100 euros. Os seus traballos serán expostos no acto inaugural da XXXVI Feira do Viño de Amandi.

Fotos: Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button