CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotos

A Bibliopiscina de Verín abre as portas nas piscinas da Granxa

Son xa nove anos os que leva funcionando este servizo cultural, a iniciativa da Biblioteca verinesa e dos seus voluntarios

Estender os servizos bibliotecarios aos usuarios das piscinas descubertas da Granxa en Verín. Este é unha das finalidades cos que se vén de poñer en marcha, por noveno ano consecutivo, o servizo de bibliopiscina na citada instalación deportiva. Pero os seus obxectivos van máis aló, tamén se pretende potenciar a lectura e atraer á biblioteca a un público que non é usuario habitual, incluíndo a realización de actividades lúdico-culturais, fóra do curso escolar.

A Bibliopiscina de Verín achega un fondo de máis de 300 volumes en tres idiomas: castelán, galego e portugués (conformado por libros, contos infantís, cómics, xornais e revistas actuais) de distinta temática como historia, científica, saúde ou moda, entre outras. Ademais ofértanse diferentes xogos de mesa.

A Bibliopiscina funcionará ata o mes de setembro (de luns a domingo), en función da meteoroloxía, e o seu horario será de 17 a 20 horas (durante os sete días da semana). No ano 2016 este servizo abriuse ao público unhas 200 horas e o número de préstamos realizados ascendeu a 2.500. Con todo, as instalacións da Biblioteca Pública Municipal tamén continuarán abertas ao público durante os meses de verán, de luns a venres, de 10 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas.

O servixo de Bibliopiscina está atendido por persoal da Biblioteca de Verín e vinte e tres mozos/as voluntarios/as, con idades comprendidas entre os 11 e 16 anos, que durante o ano realizan actividades de Fomento da Lectura na instalación municipal. Estas actividades, destinadas a nenos/as de 3 a 9 anos, xa foron recoñecidas, durante cinco anos consecutivos, na Campaña de Animación á Lectura María Moliner, co nomeamento como Biblioteca Asociada pola UNESCO, e co premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España.

Fotos: Biblioteca Municipal de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button