DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Bos resultados para os ourensáns no I Trofeo de Orientación Parada de Sil-Ribeira Sacra

A proba, celebrada na mañá do 25 de marzo, foi puntuable para o Campionato Galego de Distancia Media na disciplina de O-Pé

Cun novo récord de inscrición nunha proba federada en Ourense, un total de 356 deportistas participaban no I Trofeo de Orientación Parada de Sil-Ribeira Sacra, puntuable para o Campionato Galego de Distancia Media na disciplina de O-Pé, celebrado na mañá do 25 de marzo no concello ourensán de Parada.

Tal como explican dende a organización, o centro de competición ubicouse a carón dos miradores dos Balcóns de Madrid, sobre o Canón do Sil, dende onde os competidores “puideron desfrutar dunha boa climatoloxía, cunha paisaxe espectacular de montañas nevadas todo arredor”. A proba desenvolveuse na zona de soutos e carballeiras centenarios, chamada As Carriozas, “nome dos estreitos sendeiros amurados, característicos do luga”, puntualiza Xan M. Trigo, director da carreira.

Con respecto aos resultados, o campión en elite masculino (cun percorrido de 4,4 km, 200 m de desnivel positivo e 23 controis a localizar), foi Ángel Álvarez Serto, AROMÓN (Pontevedra); e a campiona en elite feminino (cun percorrido de 3,9 km, 130 m de desnivel positivo e 21 controis), foi Alejandra Carro Mahía, ARNELA (Porto do Son).

A colleita por parte dos clubs ourensás foi abundante con oito medallas por categorías: Esther Agudo Calvelo e Juan Pablo Agudo Calvelo do Pena Trevinca-Barco foron campións en F14 e M12, respectivamente; Irene Morales Jímenez do Limiactiva-Xinzo e Eva Calvelo Vázquez do Pena Trevinca-Barco subcampionas en F21A e F35, respectivamente; mentres que Alba Osorio Míguez do Pena Trevinca-Barco lograba o bronce en F18. Dos participantes locais destacaron Gabriel Rodríguez Otero (campión en Iniciación Longa); Iago Trigo Vázquez (subcampión en M14); e Yanira Blanco Álvarez (subcampiona en Iniciación Curta).

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button