EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Brindes de viño novo na XI Festa da Vendima de Punxeiro

Esta localidade vianesa acollerá a partires da sete da tarde do 14 de outubro unha singular e festiva ruta polas súas adegas
Participantes na pasada edición da Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entre brindes de viño novo, moita música e deliciosos petiscos desenvólvese cada outono a Festa da Vendima en Punxeiro (Viana do Bolo). O sábado 14 de outubro esta celebración cumprirá once edicións, cun programa moi semellante ao de anos anos anteriores. A partires da sete da tarde veciños e visitantes congregaranse na praza do pobo para escoitar o pregón que marcará o inicio da festa. Antes poderán mercar a súa cunca, acompañada dun pano de cor, nun punto de venda que se instalará na entrada de Punxeiro. O prezo será de 13 euros, se ben tamén se poderá adquirir de forma anticipada por 11 euros na Ferretería Bibei e no Super Trisquel de Viana.

Tras o pregón será o son das charangas o que marque o inicio do percorrido. Serán un total de tres: Fuego, Achicoria e Tomalleoutra. Empezarán a tocar e dirixiranse a outras tantas adegas que abrirán as súas portas para recibir aos participantes. Nelas poderase degustar viño tinto e branco, así como un amplo abano de saborosos pinchos caseiros. Haberaos quentes, fríos e mesmo algún doce. Ao pechar estas tres, abrirán as seguintes.

 

A charanga ourensá Fuego será unha das que animarán a festa./ Foto: Carlos G. Hervella.

En torno ás once da noite completarase o circuíto polas adegas e os participantes trasladaranse ata o campo de festa para continuar a celebración ao ritmo da música do grupo América de Vigo e da orquestra Os Players. Tampouco faltará a tradicional tirada de fogos de cores.

Esta XI Festa da Vendima será organizada pola Comisión de Festas de Punxeiro en colaboración co Centro de Animación deste pobo.

Artigos relacionados

Back to top button