DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco abre a tempada cun empate no campo de Calabagueiros

Co 1-1 no marcador remataba o primeiro partido da liga 2017/2018 contra Villalonga F.C.

Por xogo e oportunidades merecía máis. Pero finalmente o C.D. Barco tiña que conformarse cun empate para abrir o marcador da tempada 2017/2018 que arrancaba na tarde do 20 de agosto.

Cunha gran entrada, o campo barquense de Calabagueiros acollía o primeiro partido da campaña (no que se gardaba un minuto de silencio polos atentados de Barcelona) que enfrontaba aos vermellos do Barco cos celestes do Villalonga F.C.

Tras unha primeira parte na que os de Javi Rey foron superiores, con varias oportunidades que finalmente transformaba Ivi Vales nas portas xa do descanso, na segunda metade as cousas fóronselle complicando aos locais que finalmente, a dez minutos do final do partido, encaixaban o gol visitante. Co 1-1 no marcador ámbolos dous equipos loitaron por puntuar novamente con varias tentativas erradas, e o resultado xa non se movería.

Con este primeiro punto no historial, o Centro de Deportes Barco ten xa en mente o seguinte partido que os enfrontará ao recén ascencido C.D. Arenteiro, no campo carballinés de Espiñedo. A peña UltraSil está organizando unha viaxe para asistir a ese partido. A saída será en torno ás 12h. do domingo 27 de agosto dende o bar Makoky.

Con respecto aos outros tres equipos ourensáns en terceira división, o Ourense C.F. (recén ascendido) empataba a 2 no campo do Arousa; o Barbadás vencía 1-0 nos Carrís; e o Arenteiro perdía 5-0 no campo da U.D. Somozas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button