DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Calabagueiros (O Barco) acolle a clausura do baby básket provincial

Un cento de cativos de sete clubs participaron na final celebrada o domingo 21 de maio

O pavillón barquense de Calabagueiros vén de acoller a xornada de clausura do baby básket provincial 2016/2017. Toda  unha festa do baloncesto infantil no que se deron cita un cento de cativos de sete clubs de toda a provincia de Ourense.

Como anfitrión, o M.V. Barco foi o organizador do evento, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto e o Concello do Barco de Valdeorras, competindo con tres equipos. Asemade participaron o CB Allariz, AB Xinzo, Divino Maestro, Salesianos, CB Xuventude Verín e CB Maside, algúns tamén con varios equipos e os seus correspondentes monitores.

A xornada, comezaba ás 11:30 horas do 21 de maio con dous partidos: MV Barco B-Allariz 2009 e MV Barco C-Allariz 2010. E a partires de aí, fóronse sucedendo os encontros, dous cada media hora. Salvando a parada para xantar, que aproveitaron para coñecer O Barco, os partidos reanudábanse pola tarde ata as seis. Nese momento, con todos os cativos no parqué do pavillón animados polos familiares dende as bancadas, chegaba a entrega de medallas e a clausura, contando coa presenza do alcalde do Barco, Alfredo García; do concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, do presidente do MV Barco, José Luis Gómez; e do directivo da Federación Galega de Balocesto, José Luis Pérez.

Para levar a cabo o encontro lúdico-deportivo cos máis cativos dos clubs de baloncesto da provincia de Ourense (de entre 5 e 7 anos), a organización contou con moita colaboración. Ademais dos catro adestradores do MV Barco, unha vintena de voluntarios velaron polo bo desenvolvemento da proba, pendentes en todo momento dos pequenos baloncestistas. “Téñeno todo moi ben organizado”, aseguraba a delegada ourensá da FGV María José Varela, tamén presente durante toda a xornada.

Fotos: Mónica G. Bellver/Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button