En portadaÚltima hora

O campamento romano máis alto de Galicia, descuberto en Manzaneda

Situado no Penedo dos Lobos, ten máis de 2,5 hectáreas e puido albergar ata 1.500 homes. Tamén vén de ser localizado outro campamento deste tipo en Petín
Campamento romano de Penedo dos Lobos en Manzaneda./ Foto: Romanarmy.

Roma tamén deixou a súa impronta na montaña de Manzaneda. Segundo vén de publicarse na revista científica Gallaecia, da Universidade de Santiago (USC), na zona coñecida como Penedo dos Lobos hai restos dun campamento romano de máis de 2,5 hectáreas de extensión e que puido albergar a 1.500 homes, tal e como acaba de facer público o Concello de Manzaneda. “Conserva as catro portas de entrada e está construído cun parapeto pétreo, sendo un dos poucos exemplos da Península Ibérica deste tipo. É ademais un dos recintos militares romanos temporais mellor conservados ata a data”, segundo os investigadores.

Aínda se descoñece o motivo polo que esta unidade lexionaria se atopaba neste lugar, pero os expertos sinalan que podería corresponder cos primeiros tempos de conquista e ocupación da Gallaecia por parte do Imperio Romano. “O campamento atópase en bo estado de conservación e ten elementos moi singulares e os expertos consideran que é un dos campamentos temporais mellor conservados da Península Ibérica, e un dos poucos construído en pedra”, segundo se destaca dende o Concello de Manzaneda, cuxo alcalde, Félix Domínguez, agradece o labor realizado polos expertos da USC e adianta a intención de coidalo e poñelo en valor. “Segundo nos din dos arqueólogos é un dos máis altos da península”, resalta o rexedor.

Por outra banda, o estudo recolle outro xacemento deste tipo en Cabeza do Pau (Petín). “O recinto atópase as parroquias de Mones e Santoalla do Monte, a máis de 1200 metros de altitude. Tamen dispón dun parapeto de pedra e está cinguindo o cumio dun monte, nunha posición dominante sobre o seu contorno. O parapeto delimita unha área de 11 hectáreas, aínda que a superficie útil de acampada podería ser moito menor”, segundo os investigadores.

Artigos relacionados

Back to top button